Concentración de traballadores de GRI Towers "preocupados polos incumprimentos da empresa e a represión laboral", manifestan os sindicatos.

7, Outubro 2021

O Comité de GRI Towers, co apoio dos sindicatos CC.OO, CIG, UGT e CSIF, convocaron hoxe unha concentración no entorno da rotonda de acceso á factoria da empresa no parque empresarial do Carballiño, na que manifestaron o seu malestar coa xestión da xerencia por diversos motivos.

Dende o comité de empresa defenden "un emprego de calidade" e consideran "indignante" que "existan na empresa máis dun cento de traballadores que son fixos discontinuos cando deberían estar indefinidos". Tamén denuncian incumprimento co Estatuto dos Traballadores, que "se haxa aumentado considerablemente a contratacióon ETT" asi como a "presión que se exerce cos traballadores, e mesmo accidentes laborais que tratan de ocultarse, como sucedeu estes dias atrás".

Tampouco comparten o rexime de sancións "sobre todo en materia de seguridade, que deben ser notificados, pero con equidade" e tampouco consideran que sexa casualidade o despido dalgún traballador "e mesmo menos aínda se se utiliza como exemplo para acobardar e amedrantar a varios traballadores", apuntan os representantes sindicais.