A conselleira de Política Social anuncia na súa visita a Maside unha nova orde de axudas para a creación de 20 casas niño no rural

17, Febreiro 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o Consello da Xunta aprobará mañá unha nova orde de axudas para a creación de 20 casas niño no rural. Foi durante unha visita realizada ao centro situado no concello de Maside, un dos primeiros de Galicia, na que estivo acompañada do alcalde da localidade, José Manuel Iglesias, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Trátase da sexta convocatoria de casas niño que o Goberno galego impulsa desde o ano 2016, cando se crearon estas pequenas escolas infantís, totalmente gratuítas para as familias, en pequenos concellos do rural. A conselleira lembrou que coa posta en marcha destes 20 novos centros, Galicia contará antes de rematar o ano cun centenar de casas niño espalladas por toda Galicia.

Esta convocatoria estará dotada con 1,6 millóns de euros, que se empregarán para o funcionamento das instalacións, ao que se destinan 19.600 euros anuais por centro; así como para a adecuación das instalacións nas que se van situar, para o que cada casa recibe 15.000 euros. A conselleira resaltou que estes recursos de conciliación teñen demostrado ao longo destes anos ser útiles para os cidadáns, ao adaptarse ás características do rural galego; e prestar un servizo de gran calidade.