Consulta aquí toda a programación: O Festival Internacional de Xociviga proxectará 32 curtametraxes de 22 nacionalidades

O Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga proxectará un total de 32 curtametraxes de 22 nacionalidades entre o 19 e o 23 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño. A programación, presentada esta mañá no salón de plenos do Concello, inclúe a estrea de 18 curtas internacionais e 4 en España, ademais da estrea mundial de “As maos da pulpeira” de Silvia Cachafeiro, que inaugurará o festival o día 19.
Diego Fernández, concelleiro de Cultura, puxo en valor a selección de filmes desta segunda edición do novo formato do festival, impulsado polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy. “O ano pasado foi unha experiencia moi positiva, polo que desde o Concello tratamos que este ano se consolide o novo formato e a veciñanza se achegue a coñecer e desfrutar das curtas seleccionadas”, apuntou o edil, quen agradeceu o esforzo e traballo dos dous directores artísticos.
Curtas chegadas desde os festivais de Cannes, Berlín ou Toronto
A programación do festival arranca o propio día 19 cunha proxección matutina, previa á inauguración. “Trátase do filme “Fallen Angels” (1995) de Wong Kar-Wai, na súa versión remasterizada en 4K”, apuntou Mario Fernández Filloy. Xa pola tarde, ás 20,30 horas, terá lugar a inauguración coa estrea mundial da curta “As maos da pulpeira” de Silvia Cachafeiro, rodada no Carballiño e protagonizada por veciñas pulpeiras. “A partires do xoves 20 ata o sábado 22, terá lugar a proxección dos filmes a competición, divididas durante os tres días en tres bloques de aproximadamente unha hora de duración: ás 17,30, ás 19,00 e ás 20,30 horas”, detallou. Os visionados, de balde, levaranse a cabo no Auditorio Manuel María.
O festival conta cunha variada selección de curtametraxes internacionais e nacionais, na que se inclúen pezas proxectadas en certames de renome como o Festival de Cannes, o de Berlín ou o de Toronto. Entre elas, destaca “The man who could not remain silent”, de Nebojša Slijepčević, curta gañadora do Festival de Cannes de 2024.
As curtas da Sección Oficial Internacional (curtametraxes de todo o mundo que compiten polo premio Xentes e onde tamén se atopan as catro curtas galegas participantes) dividiranse en sete bloques, repartidos do seguinte xeito: Xentes 1 (xoves ás 17,30 horas), Xentes 2 (xoves ás 20,30 horas), Xentes 3 (venres ás 17,30 horas), Xentes 4 (venres ás 20,30 horas), Xentes 5 (sábado ás 17,30 horas), Xentes 6 (sábado ás 19,00 horas) e Xentes 7 (sábado ás 20,30 horas).
Pola súa parte, as curtas da Sección Xénese (onde compiten curtas peninsulares de novos creadores menores de 30 anos) estará dividida en 2 bloques repartidos do seguinte xeito: Xénese 1 (xoves ás 19:00) e Xénese 2 (xoves ás 20:30).
Tal e como recordaron os directores artísticos, varias das proxeccións contarán cun posterior coloquio dos equipos técnicos e artísticos dos filmes co público.
O domingo 23, último día, a programación comezará ás 11,30 horas co visionado do filme de animación “Balto” de Simon Welles, recomendado para todas as idades e especialmente, para público infantil. Xa pola tarde, pecharase o certame coa proxección ás 17,30 horas das curtas favoritas do público e, ás 19,00 horas, coa gala de entrega de premios.
Premios
O voto do público estará dispoñible en tódalas sesións do xoves, venres e sábado, e consistirá en cubrir unha tarxeta ao saír de cada proxección outorgándolle unha nota do 1 ao 10 a cada curta visionada en dita sesión. Por outra banda, o xurado profesional estará composto por Rebeca Losada, ilustradora e deseñadora lucense; Alberto Lobelle, director galego, e Noelia Papín, guionista, actriz, directora e produtora. “Serán os encargados de outorgar os premios á mellor curta internacional Xentes e mellor curta galega Xente de aquí”, detallou Daniel Fernández Filloy.
O xurado novo, encargado do premio á mellor curta de Xénese e do premio á mellor dirección de fotografía estará composto por Miguel Fernández (guionista e director), Aira Portos (creadora audiovisual) e Andrea Varela (directora e produtora).
Actividades cos centros de ensino
Do mesmo xeito que na edición anterior, Xociviga segue apostando por involucrar activamente aos rapaces de educación primaria e secundaria nas actividades culturais e no descubrimento da linguaxe cinematográfica.
A colaboración cos centros de ensino de educación primaria frutifica en dúas proxeccións (xoves e venres ás 11,30 horas) cunha coidada e variada selección de curtas infantís do último ano, curtas dunha altísima calidade artística, preocupadas por transmitir valores de gran importancia para os rapaces e pensadas para emocionar.
Os rapaces de educación secundaria acudirán á proxección retrospectiva de “Fallen angels” o mércores ás 11,30 horas. “É un filme escollido coa intención de descubrirlle aos estudantes una linguaxe audiovisual non normativa, un cine doutros territorios e, en definitiva, unha película interesantísima que lles abrirá as portas a outro lugar na historia do cinema”, resaltaron os directores artísticos.