Denuncian o mal estado da auga procedente do abastecemento municipal de Maside

8, Maio 2012

Veciños de varias localidades do municipio de Maside aseguran que nos últimos dias a auga que chega aos seus domicilios "é motivo de preocupación porque presenta alteracións co cloro, que pode comprobarse tanto no cheiro como no sabor".

Unha das parroquias máis afectadas foi a de Santa Comba do Trevoedo, onde varios usuarios confirmaron como "sentimos moitos picores na pel despois de asearnos coa auga". Unha das veciñas afectadas, que presentou un escrito dirixido ao Alcalde de Maside para que actúe ante o considera "e un problema de saúde pública", asegura que encargou unha analítica da auga e "o resultado da análise foi moi preocupante porque diu 6 mg / litro de contido de cloro, máis de 4 veces superior á cantidade máxima recomendada, que é de 1,8 mg / litro".

Por parte dos veciños "non se comprende como ninguén desde o concello de Maside advertíu desta circustancia á veciñanza, para que non se utilice a auga mentres non se resolva o problema, xa non é so que nos informen do que pudo pasar, senón que advirtan ás localidades afectadas deste perigo, porque desde o pasado domingo a auga supostamente potable que está a abastecer unha parte do concello de Maside é altamente tóxica", afirman.