A Deputación reparte 13,9 millóns de euros cun novo modelo de financiación aos concellos: consta dunha parte fixa con 8,9 millons de euros e outra variable con 5 millóns en función dos habitantes, núcleos, envellecemento e superficie.

31, Outubro 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou un novo modelo de financiamento para as entidades locais, o Plan CooperOU, que dotado con 13,9 millóns de euros “equilibra o cambio na xestión dos fondos provinciais e a autonomía municipal”.

Un “empeño persoal”, dixo, que espera sexa unha realidade para os orzamentos de 2024, pedindo nesta liña aos grupos políticos da oposición “achegas construtivas e con espírito de mellora, lonxe de partidismos”.

O presidente da Deputación detallou un plan que se articula en torno a catro claves: a contía do financiamento, os criterios de reparto, o destino dos recursos e a simplificación administrativa.

O plan CooperOU está dotado con 13.980.000 euros, o que supón case 7 millóns de euros máis con respecto á partida consignada para cooperación cos concellos nos vixentes orzamentos. Esta vai ser un plan dinámico, xa que irá incrementando a súa contía a razón de 1 millón de euros anuais, ata chegar ao remate do presente mandato cun orzamento de 17 millóns de euros. 

A segunda das claves do novo modelo de financiamento radica no reparto, que se basea nunha distribución proporcional e máis xusta dos recursos en base aos criterios obxectivos propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e tamén utilizados pola Xunta de Galicia á hora de distribuír os fondos de financiamento local. Neste reparto haberá unha parte fixa e outra variable.

A parte fixa, establécese en base a catro tramos segundo o número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros.

Así chégase aos 8,9 millóns de euros. A parte variable está dotada con 5 millóns de euros, que se reparten en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie do concello (15 %).

Autonomía municipal e simplificación administrativa

Outro dos piares do Plan CooperOU e a autonomía municipal. Na procura de solucións ás necesidades específicas de cada territorio, o financiamento que recibirán os concellos será flexible no seu destino.

Así, estes recursos poderán ir a investimentos, gasto social, corrente, amortización de débeda, reforzo do emprego, actividades culturais, deportivas, turísticas, entre outros que estimen máis necesarios os gobernos locais.

A última das claves, a simplificación administrativa, vai beneficiar á Deputación, xa que fronte á carga administrativa que supuña a tramitación das subvencións nominativas se poderá máis persoal a aqueles departamentos que así o precisen, axilizando deste modo a actividade administrativa e a xestión.

Ademais, os concellos tamén librarán moito do tempo que o seu escaso persoal destinaba a tramitar e xustificar as subvencións. Diálogo e procura de achegas construtivas O plan estará incorporado ao proxecto de orzamentos de 2024 que se presentará no pleno de novembro, adiantou Luis Menor, que á súa vez tamén detallou o novo modelo de financiamento aos representantes dos grupos políticos da oposición, nunha xunta extraordinaria de portavoces convocada a primeira hora da mañá. “Agora espero, aló menos, achegas construtivas e con espírito de mellora, lonxe de partidismos”, dixo o presidente, que mostrou a súa disposición ao diálogo e o consenso, “como na aprobación da modificación de créditos”.