A deputada provincial de Políticas Sociais destaca a aportación de 300.000 euros feita pola Deputación para a construcción da residencia de ASPADISI no Carballiño.

8, Febreiro 2024

A Deputación de Ourense colaborou cunha achega de 300.000 euros para a construción do edificio da residencia-centro da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos da comarca do Carballiño (Aspadisi)

Nunha visita ás instalacións, a deputada provincial de Políticas Sociais, Patricia Torres, dixo que o goberno provincial é consciente de que “a maior preocupación para os familiares de persoas con diversidade funcional é pensar no seu futuro cando non esteamos. Sabemos do esforzo que supuxo construír un centro no que poidan vivir minguando, dalgún modo, esa preocupación”.

Desde a Deputación “estaremos sempre ao carón destas necesidades reais e tan importantes para a nosa sociedade”, salientou Patricia Torres, quen puxo en valor “o traballo e o esforzo de todas as persoas que forman parte de Aspadisi porque lograron aglutinar esforzos públicos e privados para levar a cabo esta infraestrutura”.

Termalismo inclusivo

A deputada de Políticas Sociais aproveitou a súa visita para lembrar que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para o Programa de Termalismo Social que este ano inclúe unha nova modalidade: o Termalismo Inclusivo, orientado principalmente ás persoas con diversidade funcional e do sector da economía dos coidados.

O Termalismo Inclusivo permitirá deseñar programas personalizados para todo tipo de entidades sociais sen ánimo de lucro. Deste modo, as asociación poderán deseñar un programa termal grupal personalizado en función das circunstancias que afecten ao seu colectivo, elixindo así os balnearios, actividades e duración en meses e sesións mensuais.