A directora de Turismo de Galicia visita a ruta xacobea, que será homologada como itinerario ecuestre

25, Xaneiro 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado, visitou o Camiño Mozárabe ao seu paso polo municipio de San Cristovo de Cea para comprobar os resultados da sinalización para a súa homologación por parte da Real Federación Hípica Española como itinerario ecuestre

A ruta xacobea atravesa, no ámbito comarcal,os municipios de San Cristovo de Cea e Piñor, e ten unha variante que achega os peregrinos ata o mosteiro de Oseira.

Durante a visita a responsable de Turismo da Xunta destacou que con esta iniciativa refórzase a sinalización xa existente nesta Ruta Xacobea para a práctica ecuestre, informando dos puntos conflitivos para o paso de cabalos e das derivacións propostas para salvar os mesmos. “Así, o Camiño Mozárabe será a primeira ruta que se homologará como itinerario ecuestre en Galicia”, afirmou.

Nava Castro sinalou que as obras levadas a cabo para iso que, segundo resaltou, levaron consigo unha inversión de máis de 48.000 euros, consistiron na roza, poda e clareo en puntos determinados, na retirada dos restos silvícolas ata pista forestal, nos movementos de terra para acondicionar o firme do camiño e no marcado da propia sinalización. Neste senso, explicou que a sinalización consistiu no marcado da sinalización horizontal, consistente en marcas de pintura, e na instalación dos elementos de sinalización vertical -postes de dirección e localización, postes de seguimento e paneis informativos-.

Con todo, o itinerario ecuestre proposto que, segundo resaltou a directora de Turismo de Galicia, ten unha lonxitude total de 236,6 km, atravesa as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, desde o municipio de A Mezquita ata Santiago de Compostela, solapándose coa actual Vía da Prata.

Nava Castro manifestou que con esta iniciativa cúmprese outra das actuacións previstas no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago. “Sen dubida, un gran reclamo para todos aqueles amantes dos cabalos e do mundo ecuestre que terán a oportunidade de facer esta vertente mozárabe do Camiño de Santiago con total facilidade e seguridade”, concluíu.