A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa supervisa o funcionamento dos "programas de diversificación curricular" para o alumnado da ESO no Instituto Nº1 do Carballiño

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto Nº1 do Carballiño para coñecer de preto o funcionamento dos programas de diversificación curricular dirixidos ao alumnado da ESO que presenta dificultades de aprendizaxe e para o que esta vía pode supoñer unha oportunidade de acadar o título de graduado.
Estes programas de atención á diversidade están organizados en currículos de ámbitos específicos (lingüístico-social e científico-tecnolóxico) que complementan as materias comúns da etapa educativa. Trátase dunha medida extraordinaria deseñada para cursarse en 3º e 4º da ESO, cunha duración dun ou dous anos, en función das necesidades do alumnado.
O Instituto Nº1 do Carballiño é un dos 167 centros galegos que participaron no curso 2024/25 neste programa, do que se beneficiaron 2.323 estudantes grazas a un investimento global de 8,2 millóns de euros, dos cales 4,9 millóns proceden de fondos europeos FSE/FSE+. Durante a xornada tamén participaron por videoconferencia Mohamed Saho Drammeh e Patricia Pérez-Gómez Delaunay, membros da Comisión Europea, que mantiveron un encontro co alumnado e o profesorado participante no programa de diversificación curricular e resaltaron os bos resultados de Galicia.
Grazas a esta colaboración, os centros dispoñen de maior respaldo na planificación horaria, recursos de apoio e materiais específicos, reforzando así o acompañamento educativo do alumnado que máis o precisa. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subliñou que estes programas “están directamente ligados a un dos obxectivos prioritarios da Unión Europea: reducir o abandono escolar temperán e avanzar na inclusión educativa real”.
Nesa liña, salientou que Galicia é actualmente un referente estatal neste ámbito, cun 93,3% do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fronte á media estatal do 85%. A directora xeral destacou tamén que a Xunta continúa reforzando este compromiso a través da Estratexia de inclusión educativa, que incorpora iniciativas pioneiras como os ciclos de FP Básica Adaptada, os programas de acompañamento educativo, os itinerarios formativos adaptados ao alumnado en risco de abandono escolar temperán (como estes) ou a mellora da formación docente en materia de atención á diversidade.