A Embaixada de México acolleu a presentación da Festa do Polbo en Madrid

11 Jul 2009
Presentación festa do polbo na Embaixada de México
Había convite gastronómico na embaixada de México en Madrid, pero desta vez sobre a mesa non se ofrecian enchiladas nin os famosos antojitos mexicanos, senón o polbo á feira do Carballiño. Acontecía ó mediodia deste pasado venres dia 10 de xullo e tratábase do acto de prresentación da Festa do Polbo 2009, que se celebrará o vindeiro 9 de agosto adicada a México. Ante o Embaixador Mexicano, Jorge Zermeño Infante, o Alcalde do Carballiño, Carlos Montes invitaba a todos os presentes a coñecer o "parque municipal e urbano máis grande de España no que se celebra esta festa á que acuden cada ano máis de setenta mil persoas". Acompañaban ó Alcalde Carballiñés unha representación da Corporación Municipal na que estaban Francisco Goméz e Inmaculada Ucha, do Psoe, Anayansi Rodríguez e Pilar Caride do PP, e Bernardo García do Bng. Entre os presentes, o Deputado Socialista Alberto Fidalgo e o Senador Nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, ou a actriz Blanca Marsillach, á que o Alcalde presentou como "a madriña deste acto e da festa do polbo en Madrid". O Embaixador Mexicano lembrou os fortes lazos existentes entre o seu país e o noso, sobre todo con zonas como acontece na Comarca do Carballiño, onde centos de persoas emigraron a México. Agradeceu a adicación desta festa  ó seu país e a solidariedade  recibida nos momentos máis crtíticos da gripe A, "que xa quedou atrás". Tras unha degustación de polbo na propia embaixada mexicana, a delegación carballiñesa aproveitou a súa estadía en Madrid para visitar o Congrreso dos Deputados, antes do seu regreso ó Carballiño.