A empresa carballiñesa Frigoríficos Arcos acollerá a presentación de "Exportou", unha aposta pola internacionalización das empresas da provincia

O vindeiro luns 21 de abril presentarase en Frigoríficos Arcos, no Parque empresarial do Carballiño, o proxecto "Exportou 2025". O obxectivo do mesmo é consolidar un ecosistema intelixente que facilite a internacionalización, dixitalización e sustentabilidade das empresas da provincia de Ourense, promovendo a súa competitividade e adaptación aos desafíos globais.
"Exportou 2025" afiánzase como unha ferramenta clave para apoiar ás empresas na súa expansión internacional mediante solucións dixitais avanzadas e estratexias sostibles.
Están previstas as intervencións do alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, a presidenta da CEO, Marisol Novoa, asi como os representantes de Frigoríficos Arcos, Daniel González Atanes e Camilo González Atanes. Tamén intervirá o presidente da Deputación Provincial,Luis Menor.
Desde a súa posta en marcha no ano 2017, "Exportou" consolidouse como unha iniciativa estratéxica clave para impulsar a internacionalización do tecido empresarial da provincia de Ourense. Ao longo destes anos, a súa evolución foi constante, adaptándose aos novos desafíos e oportunidades dos mercados globais.
Frigoríficos Arcos participou en "Exportou" desde os seus inicios en 2017, aproveitando activamente este programa para a súa internacionalización a través de misións inversas, logrando clientes internacionais, e recibindo asesoramento especializado en comercio exterior.
En 2025, "Exportou" transfórmase nun ecosistema intelixente e colaborativo, integrando a internacionalización, dixitalización e sustentabilidade como eixos fundamentais para reforzar a competitividade das empresas da provincia de Ourense.