Espazo Común entrega no rexistro municipal do concello "a documentación que demostra o escándalo do contrato da auga", afirman.

Nun comunicado difundido tras presentar a documentación no rexistro municipal, manifestan que "a pesares de que pode que esteamos ante o maior escándalo na historia democrática do Concello do Carballiño ao quedar demostrado que algúns representantes públicos pretendían manipular o contrato dos 60 millóns de euros da auga, tanto o goberno PP-PSOE do Carballiño coma a Deputación de Ourense seguen sen dar unha soa explicación á cidadanía".
Recordan que "xa pasaron 6 días dende a denuncia de Espazo Común acreditando que hai técnicos nomeados polo alcalde do Carballiño a proposta do presidente da Deputación que teñen intereses compartidos cunha empresa que participa no concurso".
Espazo Común considera "dunha gravidade extrema que, a estas alturas, ninguén saíra a dar respostas aos veciños sobre o que semella unha trama organizada para teledirixir este proceso".
"Os membros do Grupo Municipal de Espazo Común vimos de rexistrar a documentación que acredita estes feitos para que se tomen as medidas oportunas con urxencia", subliñan. E advirten que "de non ser así, valoraremos outras alternativas. Entre elas, acudir aos xulgados".