Espazo Común pide ao alcalde de Piñor explicacións pola paralización do proxecto de mellora na travesía do Reino e demanda o remate da obra

12, Maio 2021

O grupo municipal de Espazo Común no concello de Piñor recorda como "a mediados do mes de outubro de 2019 publicaban os medios de comunicación que a Xunta de Galicia ía arranxar un tramo da estrada OU-154 ó seu paso polo lugar do Reino co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da mesma. Así dicíasenos que o proxecto contemplaba novas beirarrúas, luminaria e sinalización e a reposición dos servizos existentes. O investimento previsto era de 160 mil euros e tamén se podía ler que os traballos comezarían no primeiro trimestre do ano 2020, sendo o seu prazo de execución de 3 meses".

Engaden que "dous meses despois, a mediados de decembro, podiamos ler que a obra viña de ser adxudicada e que a actuación contemplaría a remodelación dos espazos para protexer a circulación dos peóns e a disposición de nova sinalización e redutores físicos de velocidade. Tamén se prevía a rehabilitación do firme así coma a substitución das redes de servizo aéreas de alumeado e de teléfono por unha canalización subterránea. Pouco despois colocouse o cartel da obra e a empresa adxudicataria empezou a demoler as beirarrúas existentes. Eran os días previos as eleccións autonómicas previstas para o mes de abril de 2020. As eleccións foron pospostas ata xullo do 2020 e as obras quedaron paralizadas sen que dende o Concello de Piñor, se nos ofrecese explicación algunha polos motivos desa paralización".

Espazo Común afirma que "son constantes as queixas dos veciños pola situación da estrada, despois de máis dunha ano coas obras paralizadas, vendo como medra a maleza no que antes eran beirarrúas, vendo como unha obra que prevía mellorar a seguridade viaria o único que fixo foi incrementala. Non son poucas as queixas tamén de parte da veciñanza do pobo que ve como as obras proxectadas só inclúen un pequeno tramo da travesía e nunha soa marxe quedando o resto do pobo nunha evidente discriminación".

Finalmente, anuncian que dende o Grupo Municipal de Espazo Común pediránlle ao alcalde no vindeiro pleno que dea explicacións por esta situación "que nos dea conta das actuacións que levou a cabo para exixirlle á Xunta o remate desta situación de inseguridade viaria", manifestan.