Espazo Común pide ao alcalde Fumega "que esperte do seu sono" e convoque un pleno urxente para abordar a grave situación sanitaria e económica que vive O Carballiño

22, Outubro 2020

Espazo Común lamenta como "estes últimos días con gran tristeza como a nosa vila se viu convertida en nova de portada para xornais e informativos de toda España". Recordan que o motivo e por sufrir as medidas restrictivas máis radicais de todo o país ante os tremendos datos de contaxio aos que chegamos.

E mesmo apuntan ao "descontrol absoluto da situación sanitaria provocou que hai xa días que o Concello foi intervido e que agora sexa Sanidade quen toma os mandos da situación e das decisións". Entende dende ESCO que "suple así o papel que non foi quen de desenvolver un goberno local anulado e incapaz de organizar e xestionar absolutamente nada. Nos 7 meses que levamos dende o inicio da pandemia, as accións que se lle coñecen ao alcalde Fumega e ao seu equipo son: a Semana Gastrónomica, rutas de bebidas e a suba do IBI".

En todo este tempo -engaden- a pesares de promesas e anuncios, comerciantes, hostaleiros e autónomos non recibiron axuda municipal de ningún tipo, e mesmo avanzan que "as medidas adoptadas por Sanidade para frear os contaxios levan camiño de ser a estocada definitiva para moitos negocios e familias do noso pobo".

Califican como de "extrema gravidade da situación", e anuncian que veñen de rexistrar unha solicitude por escrito para que o alcalde Fumega "esperte do seu sono e convoque de xeito urxente un pleno extraordinario".

E razonan o por qué desta urxencia "hai que pechar un plan de continxencia de aplicación inmediata que inclúa xa o pagamento das subvencións da primeira fase (360.000 €), a activación e simplificación do procedemento da segunda fase acordada tamén en abril (650.000 €). Tamén se fai necesario analizar con datos e sen a ficción á que nos ten acostumados o grupo de goberno as causas de ter chegado a esta situación tan lamentable e que se pode facer dende o Concello para tentar reconducila dende o punto de vista do control sanitario", subraian.

O grupo municipal de Espazo Común entende que "hai unha realidade que semella que non ven o rexedor e os seus concelleiros que viven ao calorciño da Casa Consistorial e cos seus soldos garantidos a fin de mes e é que as medidas actuais poden ser a puntilla para moitos negocios".

Finalmente, manifestan que "dunha vez o goberno comece a ser útil para os cidadáns aos que cobra por representar e aos que lle ten que resolver problemas no canto de crearllos".