Festa da Palabra e teatro con Sarabela no Carballiño, Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, Ruta dos Fornos e Javier Ojeda en Cea, no máis destacado da fin de semana.

2, Xullo 2021

A Ínsua dos Poetas acolle este sábado dia 3 de Xullo unha nova edición da Festa da Palabra, con varias propostas durante a xornada, que se iniciará ás 12 do mediodia co acto literario dedicado este ano aos seis poemas galegos de Federeico García Lorca e no que está programada unha actuación de Teo Cardalda, do dúo Cómplices. 

Ás 13:30 horas será a inauguración da escultura de Soledad Penalta, que pasa a formar parte do patrimonio cultural e artístico da Ínsua, actuará o Orfeón do Carballiño, e dende as 14 horas na "Romaría das Letras" amenizará a xornada o grupo de música tradicional "Os Serandeiros".

A programación complétase ás 19:30 horas co concerto de "A Banda da Loba".

Ás 23 horas, no auditorio, e dentro do verán cultural do concello do Carballiño a compañía teatral SARABELA representará "Crónicas do Paraíso".

En Cea, son varias as actividades que se desenvolverán nesta xornada de sábado dia 3 de Xullo, a máis madrugadora será a partir das 11 da mañá no campo da Saleta con motivo do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que reunirá a máis de 300 gaiteiros e gaiteiras de Galicia, Asturias e Portugal.

A partir de media tarde está convocada unha nova edición da Ruta dos Fornos, un percorrido gastrómico por algúns dos fornos históricos da vila, que contará coa animación de varios grupos de música tradicional.

Completará a xornada sabatina deste sábado en Cea a actuación de Javier Ojeda e a súa banda, o que fora vocalista de Danza Invisible, a partir das 22 horas na Praza Maior da localidade ceense.