Fumega e Nogueira acusan aos responsables municipais "de mentir e ocultar documentación", e Marnotes resposta que "O PSdeG perde os papeis no caso de Pachi Vázquez coa xustiza"

16, Abril 2015

O Grupo Municipal Socialista do Carballiño acusa ao alcalde, Argimiro Marnotes, "de mentir unha vez máis no que respecta á documentación remitida dende o Concello ao TSXG en relación ao procedemento que se sigue contra Pachi Vázquez e outros concelleiros  sobre a contratación de traballadores polo Concello hai máis de dez anos".

O Grupo Municipal Socialista ten constancia -aseguran- de que nos últimos días se remitiron dende o Concello ao TSXG máis de 1.000 expedientes daqueles contratos, co cal se demostra que no arquivo municipal había moita máis documentación da que se recoñecía por parte das autoridades municipais e da súa defensa neste procedemento.

Ao mesmo tempo, engaden desde o PSdeG "se corrobora que a documentación presentada pola defensa de Pachi Vázquez ante o TSXG atopábase realmente no arquivo municipal, malia ás declaracións do avogado do concello e dos responsables municipais, de que non había expedientes dos contratos dos traballadores naquel período". 

O voceiro do Grupo Municipal, Paco Fumega, e o concelleiro Adolfo Nogueira, explicaron en rolda de prensa que, polos medios de comunicación, “puidemos saber que o avogado que representa ao Concello do Carballiño declarou hai dous días que o Concello non tiña máis documentación sobre este asunto e que non remitira nada novo ao TSXG”. “Isto se contradí co feito de que moi recentemente se enviaron máis de 1.000 expedientes dende o concello ao TSXG”, sinalaron.

Fumega e Nogueira consideraron “gravísimo” e “lamentable” este feito “porque si, efectivamente e como se demostra, había documentos dabondo no arquivo municipal sobre os procesos de contratos laborais do período da alcaldía de Pachi Vázquez, se estiveron ocultando durante máis de seis meses e incluso se negou ata agora a súa existencia”.

“Incluso, pola información que ten este Grupo Municipal, o TSXG remitiu hai pouco tempo un requerimento ao concello do Carballiño para que se aportase a documentación aludida pola defensa de Pachi Vázquez, presentando incluso copias de moitos expedientes de contratos”, apuntaron.

Ante a manifesta falla de transparencia do goberno do PP, o Grupo Municipal do PSdeG esixe ao alcalde que facilite unha relación de toda a documentación remitida polo concello ao TSXG relativa a este procedemento, coas datas da súa remisión.

Reclama ademais que facilite copia do rexistro do concello no que figuran estes documentos e unha explicación sobre o ocultamento da existencia destes documentos no arquivo municipal.

Os socialistas demandan tamén explicacións sobre a tardanza na remisión destes documentos ao TSXG e esixen información sobre os requerimentos do TSXG para que se lle remitira documentación dos contratos laborais suxeitos a este procedemento, incluídas as datas na que foron requeridos.

Tendo en conta que os expedientes dos contratos laborais son pezas esenciais neste procedemento, xa que inclúen o modo de selección e as probas efectuadas,  resulta, cando menos sospeitoso e  unha irresponsabilidade ética e política, tratar de ocultar e retrasar a súa posta ao servizo tanto da Xustiza como dos representantes da cidadanía no concello, e incluso dos propios cidadáns.

Os socialistas lembraron que lamentablemente “esta falla de transparencia e as mentiras aos cidadáns, veñen sendo a táctica habitual deste alcalde, aínda que neste caso cobra maior gravidade aínda” polo que lle advertiron a Marnotes que “non todo vale en política”.

“Se quere demostrar transparencia, agardamos por toda esta información canto antes”, remataron, “porque o alcalde está xogando co traballo de moitas persoas, coa imaxe dos cargos públicos afectados, e ademais coa imaxe do propio Concello, ao deixar en evidencia ao persoal e á propia institución. “Ademais, débelle unha explicación á cidadanía sobre si, por erro ou intencionadamente, se está a ocultar información”.

Marnotes afirma que "O PSdeG do Carballiño perde os papeis no asunto de Pachi Vázquez coa xustiza"

O alcalde carballiñés afirma que “por enésima vez TEÑO que decir que dende este concello estase a aportar toda a documentación que se solicita dende o tribunal, algo para o que dispuxemos unha reorganización do persoal do concello co obxecto de axilizar o máximo estes requirimentos, e que en moitos casos están entorpecendo o día a día da administración municipal”.

Así mesmo, e sobre a nova documentación aportada ao TSXG, a que os socialistas  do Carballiño aluden como exemplo de ocultación por parte do concello “dicir que por nin por parte do alcalde nin por ningún concelleiro do grupo de goberno se ocultou, manipulou e nin siquera se analizou a documentación solicitada e enviada nin agora nin antes pola Secretaría"

Manifesta Marnotes que "a documentación que pediu o TSXG non e a mesma que pedira no seu día a fiscalía, e que, non por ser gran cantidade de papel, ten porque demostrar a inocencia do Sr. Vázquez, e que incluso pode ser indicativa de todo o contrario, ou incluso que os documentos remitidos non se refiran ós contratos cuestionados polo Xuíz, polo que en todo caso, o que cabe e a prudencia e paciencia, a espera das resolución xudiciais, asuntos que os Concelleiros do Psoe no Carballiño non están a ter, mostrando unha vez máis a súa función de amplificadores da defensa do propio Señor Vazquez".

Así mesmo o alcalde do Carballiño recorda que “Pachi Vázquez pode, como calquer otro cidadàn, incluso aínda que hoxe sexa veciño de Ourense, solicitar por rexistro o que precise para a súa defensa, e non ten que mendigala como dice, solo pedila, algo que ata o momento non temos constancia de que fixera.”

Finalmente, Marnotes  sinala que “ o único que se fixo por parte desta alcaldía foi ofrecer todo tipo de colaboración coa Xustiza para que este asunto se aclare o máis pronto posible”.

Tamén que “lembren todolos veciños e veciñas do Carballiño que o concello non denunciou nin acusou nunca ó exalcalde desta vila, Manuel Vázquez, senón que a denuncia partiu da propia fiscalía, e o concello so está personado como parte afectada na mesma causa xa que, se o fallo do xuiz inculpara a Pachi Vázquez e fose motivo de calqueira tipo de sanción, máis alá da condena penal, e non poidera afrontar con seu patrimonio a sanción, debería facelo o concello".

Finalmente, o alcalde do Carballiño entende que " O PSdeG equivoca o enemigo, pois o proceso que se sigue ante o TSXG non depende do Alcalde do Carballiño, senón de xuíces e fiscales que veñen mantendo esa posición dende o principio. Lembremos que o ex-alcalde xa anunciou que unha vez ante os medios que tiña documentos que o exculpaban, e o xuíz xa lle dixo que ningún deixaba  constancia de realización de prueba selectiva algunha para las contrataciones. Despois de eso, o mínimo que se lle pode esixir ó PSOE do Carballiño e algo de prudencia e respeto as decisión dos xuices.”