Grupos de Portugal, Castela-León e Galicia, actúan no "Festival Transfronteirizo de Teatro Amador", que terá lugar no Carballiño do 9 ao 11 deste mes de xuño.

6, Xuño 2023

Falar de teatro afeccionado é falar do Carballiño e así volve a quedar demostrado no Platta, Festival Transfronterizo de Teatro Amador que se desenvolverá esta fin de semana na vila co Auditorio Manuel María como escenario. A iniciativa foi presentada esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial. No acto de presentación interveu o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a presidenta da Federación de Grupos Afeccionados de Teatro (Fegatea),Chelo Pampillón, e o presidente da Asociación Cultural Tiruleque, Xosé Prada.

O edil insistiu en que no Carballiño hai unha gran cultura teatral que vén de hai anos e destacou a aposta decidida que fai o Concello por este arte. O concelleiro tamén destacou “o número de colectivos veciñais que levaron a cabo nestes últimos anos actividades teatrais relevantes” e asegurou que o Festival Transfronteirizo atraerá a numerosos visitantes, o que contribuirá a dinamizar a economía local.

Chelo Pampillón, presidenta da Federación de Grupos Afeccionados de Teatro (Fegatea) agradeceu o seu apoio ao Concello e a colaboración de Tiruleque. Lembrou que o Festival cumpre unha década e que por iso se pensou no Carballiño para desenvolver unha programación especial.
Pola súa banda, Xosé Prada subliñou o feito de que “o teatro que se está vendo na actualidade no Carballiño ofrécese polos grupos amador”. Tamén asegurou que “debemos seguir apostando por este arte para que a vila siga destacando neste eido”.

Exposición “10 anos no fío das linguas”

Unha das propostas que destacan na programación é a exposición que leva por título “10 anos no fío das linguas” e que fai un resumo da traxectoria do Festival. Abrirase ao público o venres 9 de xuño ás 20.00 horas e, media hora máis tarde, actuará o grupo galego Hipócrita teatro coa obra “Arte”.

O sábado 10 de xuño desenvolverase no auditorio da residencia de tempo libre o obradoiro de Multiplay para o que aínda quedan prazas libres. Os interesados en participar poden inscribirse na páxina web de Fegatea. A entrega de premios deste obradoiro levarase a cabo no Auditorio Manuel María, ás 20.15 horas. Seguidamente actuará o grupo de Castela-León Komo Teatro con “¡Shock!”.

O domingo 11 de xuño levarase a cabo unha lectura dramatizada en galego, castelán e portugués, a partir das 12.00 horas. Pola tarde, ás 18.00 horas, está prevista a actuación do grupo portugués Porta de Cena con “As Viúvas”.