José Miñones presenta en Barbantes as novas medidas impulsadas polo Goberno a través de Correos para dar resposta á exclusión financeira no rural

9, Febreiro 2022

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o compromiso do Goberno para paliar a exclusión financeira do rural galego. Nunha visita ao concello ourensán de Cenlle, presentou e supervisou as novas medidas implementadas a través de Correos, como a instalación de caixeiros automáticos nas oficinas da empresa pública postal e os novos servizos que prestan os carteiros rurais, “un servizo público qué é importante difundir e que a cidadanía saiba que está á súa disposición, especialmente as persoas maiores”.

Así o sinalou durante a visita que realizou esta mañá, xunto co alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o xerente de Produtos e Servizos para a Área Noroeste de Correos, Xosé Chorén, á oficina postal de Barbantes, en Cenlle, onde se instalou un dos tres primeiros caixeiros multitarxeta que Correos xa colocou en Galicia, xunto con Cortegada e Samos. Esta iniciativa do Goberno estenderase a 80 localidades máis de Galicia nos vindeiros meses.

José Miñones sinalou que “o obxectivo desta medida é contribuír á loita contra a exclusión financeira”, especialmente nas zonas rurais, ofrecendo á cidadanía a posibilidade de dispoñer de efectivo en poboacións onde non hai oficinas bancarias, como é o caso de Cenlle, pero si puntos de atención de Correos. “Trátase dunha mostra da aposta do Goberno e de Correos para ofrecer no rural servizos financeiros para que os veciños e as veciñas e tamén as pequenas empresas dispoñan das mesmas condicións que aqueles que residen en áreas urbanas para desenvolver os seus proxectos vitais e laborais”, subliñou.

Na mesma liña, trabállase coa oferta de novos servizos no domicilio por parte dos carteiros rurais, que facilitan aos veciños e veciñas do rural realizar na súa propia casa moitos dos servizos que se prestan nas oficinas ou na tenda en liña de Correos, grazas aos novos dispositivos electrónicos portátiles (PDAs) cos que contan os carteiros e carteiras desde finais do pasado ano. Este plan de carteiros rurais comezou como proxecto piloto na provincia de Lugo, e dados os bos resultados o Goberno xa o está a estender no resto de provincias.

“A cidadanía atendida por estes profesionais poderá, desde a porta da súa casa, ingresar e retirar diñeiro en efectivo; enviar e recibir paquetería; pagar recibos e tributos; adquirir embalaxes, sobres e selos; xestionar servizos de luz, gas e telefonía; comprar os distintivos ambientais da DXT e moitos servizos máis que se prestan nas oficinas de Correos”, destacou José Miñones. A pesar de ser un servizo recén estreado, os carteiros rurais xa realizaron 144 servizos a domicilio na provincia de Ourense en decembro e 163 no mes de xaneiro.

“Estas medidas son reflexo da aposta do Goberno e de Correos para achegar os servizos desde as administracións públicas á cidadanía da contorna rural, facilitando a vida dos cidadáns en en toda Galicia e contribuíndo na loita contra o reto demográfico, para que vivir no rural non sexa unha carga, senón un privilexio”, expresou o delegado.