A Mancomunidade pide a Medio Rural máis medios de prevención e loita contra os incendios

9, Decembro 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de reunirse co presidente da Mancomunidade do Carballiño, que lle trasladou á titular do departamento autonómico a súa intención de reforzar o traballo da entidade intermunicipal contra os incendios forestais.

O presidente da mancomunidade e tenente de alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, mostrouse interesado en incrementar os recursos de loita contra o lume. Para iso, ambos mandatarios valoraron os acordos subscritos pola consellería e polos que dispoñen dunha motobomba e de varias brigadas de prevención e extinción.

Ademais, esta mancomunidade integrada polos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo,Piñor e San Amaro, recibiu tamén apoio para os traballos de roza e tratamentos preventivos. En total, o ano pasado, recibiron preto de 94.000 euros a través das diversas liñas de axuda no eido da prevención e valoración.

Ángeles Vázquez mostrouse agradecida polo interese da Mancomunidade do Carballiño e aberta a valorar novas formas de colaboración que axuden nesta loita na que todas as administracións, cada unha na súa medida, deben estar comprometidas.