Marnotes demanda "información oficial" sobre a supresión de trens na estación do Carballiño

26, Marzo 2013

O alcalde do Carballiño anuncia "as xestións destinadas a solicitar toda a información oficial  en materia de transporte ferroviario e máis en concreto á situación presente e futura da rede ferroviaria no Carballiño".

Apunta Argimrio Marnotes que "estas xestións veñen motivadas polos rumores, noticias e comentarios que dende hai un tempo están a circular polo Carballiño, en relación á posible supresión de trens con paradas na estación carballiñesa e, polo tanto, a posible redución de transporte dende esta vila ás principais cidades de Galicia".

O alcalde comunicou ao conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, o seu interese por contar con toda a información referente a este tema, e ao mesmo tempo solicitou unha reunión co responsable desta consellería "no menor tempo posible", xa que entende necesario aclarar canto antes este asunto das comunicacións ferroviarias no Carballiño.

O rexedor muncipal aclara, finalmente, que non quere iniciar ningúnha actuación municipal ata non coñecer con seguridade a situación das liñas de tren "entendendo que non debemos preocupar aos veciños ata que non saibamos a veracidade ou non deses comentarios que existen nestes momentos".

Tal como vimos avanzando dende esta emisora de radio, o Ministerio de Fomento manexa un documento no que se prevé a supresión de 26 das 68 frecuencias semanais de trens que cubren o percorrido entre Ourense-O Carballiño-Santiago de Compostela.