"Mercar no teu comercio ten premio" reparte hoxe tarxetas prepago por importe de 900 euros no Carballiño

27, Outubro 2022

O evento celébrase entre as 18.00 e as 20.00 hs. deste xoves dia 27 de outubro. Dúas horas nas que poderán canxearse os tickets das compras realizadas durante as datas de duración da campaña (do 21 ao 27 de outubro neste caso) polos boletos para participar no sorteo en directo de 900 euros repartidos en 2 tarxetas prepago de 300 e 6 de 50 euros. Estas tarxetas deberán ser empregadas polos gañadores en novas compras no comercio de proximidade local.

“Mercar no teu comercio ten premio” é unha iniciativa de promoción do comercio de proximidade galego, organizada pola Federación de Comercio de Ourense, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso da Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto.

Así, todos os clientes de Carballiño que realizaran compras no comercio de proximidade entre as datas sinaladas, poden participar no sorteo en directo destes 900 euros en premios. Este sorteo contará coa presencia de representantes das entidades organizadoras, entre eles a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, o presidente do CCA Carballiño, Julián Garriga, a xerente do CCA Carballiño, Noelia Mares, e a concelleira de comercio, Silvia Baranda.