O Arenteiro perdona e acaba empatando ante o Langreo. Os verdes recibiron o trofeo de campión de terceira.

12, Setembro 2021

Partido en horario matinal que apenas restou público, xa que Espiñedo rexistrou un bo ambiente completándose o aforo permitido, e primeiro punto logrado en Segunda RFEF polos verdes, nun partido no que o equipo mereceu bastante máis que o empate.

Porque o Arenteiro foi un auténtico vendaval nos primeiros vinte minutos de partido sometendo por completo ao seu rival, que a duras penas podi conter as acometidas do equipo de Fran Justo, que se adiantaba xa nos primeiros compases do partido cun latigazo de Mariña, que se encontrou cun balón solto na área.

E seguiron as ocasións durante toda a primeira parte de absoluto dominio do Arenteiro, as máis claras nas botas de Sylla e Raúl Blanco, que perdonaron o 2-0.

E volve cumprirse a máxima do fútbol, quen perdona acabao pagando, e esto pasoulle aos verdes nunha segunda parte que estivo xa máis nivelada, aínda asi o gol do empate dos asturianos volveu chegar -igual que en Arousa- nunha xogada de infortunio na que un balón rebotou nun defensor local e acabou introducindo na meta de Diego García.

En defintiva, o Arenteiro suma o primeiro punto da tempada deixando unha boa imaxe, sen dúbida merecedor dun mellor resultado.

Nos prolegómenos do encontro, o Arenteiro recibíu da RFGF o trofeo que o acredita como campión de terceira división na tempada 2020-2021.

CD ARENTEIRO (1): Diego García, Germán, Portela, Manu Mariña, Eimil, Naveira, Álex Fernández, Renan (Joseca, min 85), Adrián Cruz (Marquitos, min 85), Raúl Blanco (Sobrido, min 74) e Sylla (Joni, min 70).

UP LANGREO (1): Adrián Torre, Cristian, Gonzalo, Alain (Jandrín, min 79), Abel (Álvaro García, min 39), Samba, Juan López, Imad (Jorge Hernández, min 56), Dorian (Rabii, min 79), Nacho García (Júnior, min 79) e Pana.

ÁRBITRO: Crespo Puente, do comité cántabro. Mostrou cartóns amarelos a Naveira e Manu Mariña, no Arenteiro, así como a Álvaro García, Alain, Gonzalo, Nacho García Júnior no bando visitante.