O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle o IX Ciclo “Cata a Arte”, evento co que colabora a Deputación co Consello Regulador do Ribeiro, durante o mes de novembro.

25, Outubro 2023

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense albergará o IX Ciclo "Cata a Arte" que organiza o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro os xoves 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro en horario de 20.00 a 22.00 horas. Esta iniciativa, que foi presentada esta mañá, inclúe presentacións e degustacións de catro adegas da D.O. Ribeiro (Pousadoiro, Loeda, Alanís e Arco da Vella Adega do Eladio) , acompañadas de accións culturais paralelas como música, poesía ou maxia e un evento especial con cata guiada dos viños institucionais do Consello Regulador.

A presentación do IX Ciclo "Cata a Arte" contou coa presenza do presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares; o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González, e o presidente de ALCER Ourense, Miguel Ángel Quintas.

As catas comezarán o xoves da semana que vén e o seu aforo estará limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada das entradas de forma presencial no Centro Cultural, desde o luns anterior a cada evento, cun máximo de dúas entradas por persoa.

As catas novamente terán un carácter solidario. O C.R.D.O. Ribeiro, co Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense, colaboran un ano máis conxuntamente en apoio á Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (ALCER Ourense), polo que, nesta novena edición, solicitarase aos asistentes un donativo a favor desta organización de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade mellorar a calidade de vida de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais e os seus familiares; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan o ril, así como á doazón de órganos; tamén ofrecen servizos de interese como son os de traballo social, nutrición ou psicoloxía. A asociación está composta por persoas con enfermidade renal crónica en tratamento de diálise, con transplante de ril, familiares, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.