O Cine Club Carballiño proxecta 3 películas esta fin de semana para celebrar a sesión 400 dos venres, desde que retomou a súa actividade en 2010.

16, Novembro 2023

Este venres día 17 de novembro cúmprese unha data especial para o Cine Club O Carballiño, xa que é a sesión número 400 en venres, dende que a entidade cineclubista carballiñesa retomou a actividade alá polo ano 2010, xusto en novembro.

Nestes anos vai máis de 500 películas proxectadas e case 1000 sesións de cine. Para celebralo o Cine Club O Craballiño proxecta un pequeno ciclo de tres filmes, Novas miradas, os días 17, 18 e 19, co que pretenden achegarnos a obra de tres cineastas cunha mirada diferente e orixinal.

A primeira película será  o venres 17 con Creature, a última película de Elena Martín, que escribe, dirixe e protagoniza un peculiar achegamento ao desexo femenino nunha das grandes revelacións desta tempada no cine español. A película gañou o premio á Mellor película na quincena de realizadores do pasado Festival de Cannes. Os pases serán coma sempre ás 20:00 e ás 22:30 horas.

O sábado 18 cun filme excepcional, dunha grande beleza, El leopardo de las nieves, dirixido por Marie Amiguet, premio Cesar ao Mellor documental. Os pases serán ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 horas en VOS.

E complétase o ciclo o domingo día 19 coa película xaponesa "Plan 75" , seleccionada polo seu país para competir nos Oscar. segunda película da súa directora, Chie Hayakawa, é unha acertada reflexión sobre o envellecemento, o aomor e a condición humana. Os pases serán neste caso ás 18:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 20:00 horas en VOS. Todas as proxeccións serán coma sempre no auditorio do Carballiño.