O cine volve ao barrio de Flores co ciclo “Flores de Cine”, do 15 ao 17 de xullo

13, Xullo 2025

O barrio de Flores volverá converterse este verán nun espazo de encontro arredor do mellor cine galego e internacional grazas á celebración dunha nova edición de “Flores de Cine”, un ciclo que conta unha vez máis coa colaboración da Filmoteca de Galicia e co apoio do Concello do Carballiño.

Durante tres noites consecutivas —os días 15, 16 e 17 de xullo, ás 22:30 horas— a veciñanza poderá gozar de cine ao aire libre e de balde, ao carón da Bodega do barrio de Flores, nunha cita xa consolidada na axenda cultural do verán carballiñés.

A programación deste ano arrinca o martes 15 coa proxección de “Tralas luces”, de Sandra Sánchez, unha das películas máis recoñecidas e queridas do cinema galego. O filme mergúllase na vida de Lourdes, unha muller que percorre Galicia de feira en feira co seu negocio de coches de choque, ofrecendo unha ollada íntima e elegante sobre o oficio e a vida itinerante.

O mércores 16 será a quenda de “Rock Bottom”, cinta de animación inspirada na figura do músico británico Robert Wyatt, fundador da banda Soft Machine. O filme, nominado aos Premios Goya, destaca pola súa coidada estética e polo seu profundo amor pola música.

Por último, o xoves 17, pechará o ciclo a proxección de “La marsellesa de los borrachos”, de Pablo Gil, unha obra estreada en 2024 que recupera a historia dunha viaxe de antropólogos italianos en 1961 para recompilar cancións populares antifranquistas. A través dos testemuños e materiais sonoros daquel tempo, reconstrúese unha memoria colectiva valiosa e necesaria.

Dende o Concello do Carballiño invitan a toda a veciñanza a participar desta experiencia cultural única, que combina cine de calidade, espazo público e memoria compartida.
A entrada é libre ata completar aforo.