O concello de Avión substitúe as caldeiras de gasóleo por outras de biomasa, continuando co plan de mellora enerxética de edificios municipais

4, Febreiro 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo por videoconferencia un encontro cos alcaldes de Avión, Antonio Montero, Castrelo de Miño, Avelino Pazos, Cortegada, Avelino de Francisco, e a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, aos que informou sobre a concesión de 95. 479,84 euros para proxectos de mellora enerxética nos catro municipios.

Gabriel Alén informou que as axudas permitirán substituír as actuais caldeiras de gasóleo por biomasa na "Casa Roxa" de Avión cunha achega de 11.616 euros, e na Casa do Concello, de 22.860 euros. Dúas caldeiras de biomasa no concello de Castrelo de Miño, na vivenda comunitaria, 8.228 euros e na aula CeMIT, 9.680 euros. No concello de Cortegada, a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro Cultural, 8.571 euros, e unha caldeira de biomasa na residencia e maiores do concello de Porqueira por un importe de 34.523 euros.

Unha suma de 95. 479,84 euros en axudas aos catro concellos, aos que hai que engadir a liña orzamentaria destinada a empresas e particulares cunha achega de 328.251 euros; que fan un total de 423.730 euros na provincia de Ourense.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta destacou a aposta do Goberno galego por lograr unha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades.

Gabriel Alén tamén subliñou que “a Xunta de Galicia segue co seu labor de apoio aos concellos en todas as áreas e atendendo ás súas necesidades e, loxicamente, unha cuestión de tanta importancia como a eficiencia enerxética, que permite aforrar recursos e dotar aos espazos públicos de maior comodidade, está entre as prioridades do Goberno galego”.

Convocatorias abertas para empresas e autónomos

Por outra banda, cómpre lembrar que xa están abertas dúas convocatorias para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas empresas. Trátase, en concreto, da liña de axudas para proxectos de empresas e autónomos do sector agrícola primario que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 iniciativas. Promoveranse instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.

Tamén está aberto o prazo para solicitar axudas para realizar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10M€ co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.