O concello de Maside estrea un punto limpo móbil, subvencionado pola Xunta, que rodará por todas as parroquias do municipio

30, Abril 2021

O concello de Maside acaba de estrear un novo servizo de punto limpo móbil financiado grazas a unha subvención de preto de 60.000 euros concedida pola Xunta de Galicia.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asistiu esta mañá ao acto de presentación desta nova infraestrutura municipal, un camión pequeno dotado con caixa e chasis con varios compartimentos para clasificar os diferentes tipos de residuos que lle permitirá ao concello achegar este servizo a todas as súas parroquias e núcleos de poboación do municipio

Tras lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocou o ano pasado unha orde de axudas para proxectos municipais destinados a implementar novas medidas de xestión dos residuos, Sagrario Pérez explicou que, en total, o seu departamento destinará preto de tres millóns de euros a financiar 69 actuacións e iniciativas neste eido entre as anualidades 2020 e 2021.

De feito, o punto limpo móbil de Maside foi un dos proxectos seleccionados ao abeiro da devandita orde. Así, o Goberno local recibiu unha axuda da Xunta de 57.670 euros para adquirir un camión e unha grúa pequena para cargar grandes electrodomésticos e residuos voluminosos. O orzamento total do proxecto presentado polo concello ascendía a 73.000 euros, incluíndo tamén unha campaña de comunicación e sensibilización para promocionar o servizo, polo que o Goberno local achegou os 15.330 euros restantes.

Neste sentido, Sagrario Pérez felicitou ao alcalde pola iniciativa, que permitirá ofrecer á súa veciñanza, por primeira vez, un servizo gratuíto de recollida a domicilio de mobles vellos, restos de madeira, electrodomésticos, chatarra ou metais, entre outros.

Así, entre as vantaxes derivadas da implantación dun punto limpo móbil, subliñou que se mellorarán as ratios de recollida de residuos, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía, tanto no rural como na zona urbana, establecendo unha ruta regular por varios puntos previamente seleccionados para que poidan ter acceso a un sistema cómodo e itinerante para o depósito de voluminosos e residuos perigosos.