O Concello do Carballiño impulsa o turismo intelixente e a transformación dixital coa instalación de catro tótems interactivos

O Concello do Carballiño avanza na execución do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo” con actuacións centradas na dixitalización, a innovación e a mellora da experiencia turística.
Así, nas próximas semanas o goberno local implantará sinalización interactiva en diferentes puntos da vila. “Trátase dunha modernización necesaria para mellorar a experiencia dos nosos visitantes, que non deixan de crecer, tal e como acabamos de comprobar durante esta Semana Santa”, explica Manuel Dacal, concelleiro de Turismo.
O Concello colocará catro tótems interactivos nos que os turistas poderán consultar información en varios idiomas sobre patrimonio cultural, histórico e paisaxístico e mesmo gastronómico.
“Tamén terán á súa disposición a programación cultural actualizada para que poidan acudir aos eventos que teñamos na vila”, engade Dacal. A implantación deste sistema de sinalización turística intelixente supón un investimento total de 75.505,93 euros. Os dous tótems de maior tamaño instalaranse na Alameda e na Praza Maior, e os máis pequenos, na Casa Consistorial e no Museo do Papel.
Por outra banda, o Concello está a definir unha nova imaxe de destino turístico, o que permitirá actualizar a páxina web e producir contidos audiovisuais adaptados ás novas formas de consumo, co obxectivo de mellorar a visibilidade do municipio e atraer novos públicos. Ademais, estanse a incorporar ferramentas innovadoras como a gamificación e os contidos interactivos. “Estamos traballando arreo para integrar a dixitalización como eixo clave da nosa estratexia turística”, destaca Manuel Dacal.
As actuacións forman parte do investimento global de 1 millón de euros financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, coa participación do Ministerio de Industria e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.