O concello do Carballiño programa música galega, teatro infantil e diversión familiar para a derradeira fin de semana do ano

O Concello do Carballiño propón unha variada programación lúdica para desfrutar da última fin de semana do ano. A oferta inclúe o parque de atraccións CarbaNadal, o concerto “Treides comigo” de Xoán Curiel e a súa banda e a obra de teatro infantil “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”.
O pavillón Paco Chao acolle ata o 31 de decembro o CarbaNadal, un espazo lúdico con inchables xigantes, obradoiros creativos e xogos de construción onde os máis cativos poderán divertirse e aprender nun entorno seguro e cheo de ilusión.
O parque ten estruturas evolution e xrun xigantes, onde os participantes terán a oportunidade de realizar probas de esforzo e superación, así como completar o percorrido de obstáculos e probas deportivas. O horario do parque é de mañá (de 10,30 a 13,30 horas) e tarde (de 16,00 a 20,00 horas). O prezo de cada entrada será de 7 euros no horario matutino e de 8 euros pola tarde.
O sábado 27, o templo da Veracruz acollerá o concerto “Treides comigo” de Xoán Curiel e a súa banda. O espectáculo, que comezará ás 19,30 horas, inclúe cantigas galego-portuguesas dos séculos XII ao XIV ligadas aos dez camiños de Santiago e interpretadas desde unha mirada actual. O público poderá descubrir curiosidades sobre os autores da época, as diferentes formas das cantigas e a súa memoria inmaterial, incluíndo algunhas lendas e historias que lles dan vida.
Xa o domingo 28, as familias do Carballiño teñen cita no Auditorio Municipal Manuel María con “A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”, unha divertida peza teatral con música en directo. A obra, da compañía A Xanela do Maxín, comeza ás 18,00 horas e as entradas xa están á venda a través de ataquilla.com.