O concello fai un recoñecemento público ao voluntariado da Cruz Vermella do Carballiño

6, Maio 2016

O concello rendeu homenaxe ao voluntariado da Cruz Vermella do Carballiño. Nun acto presidido polo alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Benestar Social, Marina Ortega, e a vicepresidenta comarcal da Cruz Vermella, África Lavandeira, trinta e cinco voluntarias e voluntarios da asamblea local e da comarca desta institución recibiron un diploma e un ramo de flores en recoñecemento polo seu labor.

Francisco Fumega destacou o traballo esencial que desenvolve a Cruz Vermella no Carballiño. Dixo que “o seu labor resulta indispensable tanto a nivel social como nas situacións de emerxencia e auxilio. Por iso, hai que resaltar o compromiso e a función que desempeña o voluntariado, sen o que non sería posible cubrir as necesidades deste servizo”. E engadiu que “esta débeda cos voluntarios e voluntarias da Cruz Vermella é o que quero testemuñar hoxe neste acto de homenaxe, que é, sobre todo, un recoñecemento polo voso esforzo e polo voso labor a prol da comunidade”.

Marina Ortega amosou a súa admiración pola excelente coordinación e tarefa desenvolvida pola Cruz Vermella e propuxo acometer novos retos para garantir o abastecemento ás persoas necesitadas e intensificar o traballo de reeducación co obxectivo de lograr que as persoas poidan superar as suas situacións persoais e se poidan valer por sí mesmas. Asemade, ensalzou a formación do voluntariado da Cruz Vermella e a súa entrega absoluta para dalo todo a cambio de nada.
África Lavandeira agradeceu o recoñecemento do concello e, sobre todo, o espíritu xeneroso e valiente do voluntariado que presta servizo a prol da comunidade, dando cada persoa o mellor de si mesma. Dixo que a Cruz Vermella é o último eslabón da cadea, quen está máis cerca da xente necesitada, e recordou que o o próximo domingo, 8 de maio, é precisamente o Día Mundial do movemento.

Finalmente, interveu a coordenadota da asamblea local, Esther Rúas, que, profundamente emocionada leu un breve discurso no que resaltou a dureza do traballo de proximidade que desenvolve o voluntariado, que ten que achegarse cada día aos problemas da xente máis desesperada e ás zonas escuras dos pobos.

Durante o acto, que foi seguido por máis de medio de persoas que abarrotaron o salón de sesións do concello, proxectouse un vídeo sobre as actividades que desenvolve a Cruz Vermella no Carballiño, como cursos para os maiores, recollida de roupa e clases de alfabetización, entre outras vencelladas coas situacions de emerxecia ou primeiros auxilios.