O concello homenaxea a Felipe Senén López e ás pulpeiras de Arcos no ano no que a Festa do Pulpo consigue a internacionalidade

8, Agosto 2022

Resoaba esta mañá o son do afiador na Casa Consistorial de Carballiño, o son da tradición, mentres se celebrara un acto cargado de emotividade. Os pulpeiros e pulpeiras e o historiador e actual secretario da Academia Galega de Belas Artes, Felipe Senén, foron homenaxeados, brindándolles o Concello a declaración de interese turístico internacional da Festa do Pulpo, recentemente lograda “e que non sería posible sen eles”.

Unha nutrida representación destes profesionais estivo presente nesta homenaxe. Asistiron tamén o alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; o Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, e a deputada provincial de Cultura, Patricia Torres. Francisco Fumega asegurou que “hoxe é un día nos que paga verdadeiramente a pena ser alcalde, porque nada resulta máis gratificante que recoñecer o mérito dos nosos veciños e veciñas que se teñen caracterizado por contribuír ao ensalzamento do nome do Carballiño e, dun xeito moi especial, da nosa celebración máis salientable, a Festa do Pulpo”.

O rexedor tamén recordou a historia da celebración “que comezou cun grupo de amigos e hoxe é unhas das manifestacións gastronómicas e festivas máis salientables de Galicia e España, e un auténtico símbolo e fonte de riqueza para o concello”. O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, subliñou que sen os pulpeiros e pulpeiras a Festa do Pulpo “non tería existido nin teríamos logrado a tan ansiada declaración de interese turístico internacional, que é o colofón a unha longa traxectoria na que vós e moitos seres queridos que vos antecederon, e que hoxe recordamos con cariño, sondes os verdadeiros protagonistas”.

Ao final do acto entregouse unha placa gravada a o historiador Felipe Senén e a Pilar da Fuchela, esta última como representantes das pulpeiras. Visiblemente emocionados, ambos quixeron recordar a todos os pulpeiros que hai décadas loitaron para que a profesión e o cefalópodo foran recoñecidos. Senén recordou a súa infancia e os valores aprendidos da man do seu pai, Felipe Luis López, como cartelista da Festa do Pulpo, imprimindo unha imaxe característica que permanecerá para sempre como símbolo da celebración festiva. Tamén insistiu en que “onde hai tradición hai orixe, hai orixinalidade, hai creación e iso é o que nos caracteriza no Carballiño”.

Pola súa banda, Pilar da Fuchela, nomeou a todas as familias “que loitaron para que os pulpeiros saían adiante” e recordou que noutros tempos, moi duros, había que percorrer moitos quilómetros en carro e cabalos, durmir nas pensións e traballar moito para levar o nome do Carballiño moi lonxe. “Por iso hoxe coñécese ben o que é pulpo do Carballiño e o que non o é”, concluíu. Todos os presentes no acto recibiron un exemplar do libro “A Feira do Carballiño”, de Xosé Fariña Jamardo e brindaron aplausos de cariño a Felipe Senén e aos pulpeiros e pulpeiras, que como pode lerse na placa gravada que lles entrega o Concello, “son os auténticos depositarios da tradición secular”.

A programación da Festa do Pulpo continúa este martes dia 9 da agosto, cando será o momento de intentar bater un novo récord coa preparación da tapa mais grande do mundo: serán 515 quilos de pulpo, 15 máis que o ano pasado, os que se cocerán e na súa preparación participarán unha trintena de profesionais. A pastelería Royal colaborará cos doces do postre e a vila recibirá a miles de persoas atraídas por uns festexos que alongan a súa duración e ofrecerán un programa elaborado cun mimo especial coincidindo coa declaración de interese turístico internacional.

O Concurso de Camisetas do sábado volverá a ser outro dos pratos fortes da programación. O prazo para entregar a documentación remata o mércores. Nas bases establécense as normas que rexerán o certame e poden consultarse nas redes sociais do Concello do Carballiño. Os interesados poden presentar un deseño creado en base a debuxos, imaxes, palabras, frases, números ou calquera ouro elemento gráfico, e poderá ser impreso sobre unha camiseta de calquera cor, na súa parte dianteira ou traseira, ou en ambas. As camisetas de cada peña serán expostas na Praza Maior o día 13 de agosto, a partir das 17.00 horas. Este ano substituirase o desfile pola actuación do locutor de Rock FM “El Pirata”.