O Concello mellora as prestacións da biblioteca municipal. Escoita aquí á concelleira de educación Lorena Castro.

23, Setembro 2025

O Concello do Carballiño levará a cabo unha renovación das instalacións da biblioteca municipal para adecuar o espazo ás necesidades actuais e mellorar o benestar dos numerosos usuarios e usuarias que se achegan a recoller libros, ler, estudar e mesmo participar en actividades.

A intervención, valorada en 30.000 euros, inclúe a renovación integral do mobiliario do segundo andar (ademais da demolición dun tabique e do peche do oco en forxado), así como diversas reparacións en paramentos e carpintaría interiores de todo o edificio. A financiación da intervención provén do Plan CooperOU da Deputación de Ourense, a través do que reparte as aportacións estatais ás entidades locais.

As obras darán comezo o próximo luns, 29 de setembro, polo que as persoas con libros en préstamo poderán devolvelos nas oficinas de Cultura do Concello, no segundo andar da Casa Consistorial. Lorena Castro, concelleira de Educación, pon en valor esta intervención na biblioteca, a primeira das previstas polo Concello. “Somos conscientes das necesidades da biblioteca e xa estamos traballando nas próximas actuacións”, avanza a edila.

A concelleira tamén aproveitou esta intervención radiofónica para comentar o estado das actuacións que están a levarse no auditorio do Carballño para resolver a problemática do gas radón nas dependencias que ocupa o conservatorio de música:

Escoita aquí a Lorena Castro, concelleira de educación do concello do Carballiño