O concello prepara un proxecto de acondicionamento da Pena dos Namorados

31, Outubro 2016

A concellería de Medio Ambiente encargará un proxecto de acondicionamento da escaleira de acceso e balaustrada do mirador da Pena dos Namorados.

Para isto, incluirá unha partida específica nos orzamentos que se elaboran neste intre co obxectivo de poder executar a reforma a comezos do próximo ano.

Esta medida ven condicionada polo deterioro que sufre o entorno deste monumento dende hai algúns anos, sen que se tivese realizado ningún tipo de mantemento ou resposición dos travesaños da escaleira nin das madeiras da balaustrada, poñendo en perigo a seguridade das persoas que suben ao mirador, sobre todo, cando se trata de nenos.

Precisamente por esta circunstancia, e en aras de evitar calquera posible accidente, a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Érika Paz, vai proceder ao seu precintado coa finalidade de prohibir o acceso mentres non se efectúe a reforma.

O obxectivo da concellería de Medio Ambiente é restituir as partes deterioradas para posibilitar o acceso ao mirador sen que haxa ningún tipo de perigo. A Pena dos Namorados é un dos lugares máis singulares da ribeira do río Arenteiro ao seu paso polo Carballiño.

Está situado fronte á antiga fábrica de papel da Labandeira, e o forman un conxunto de rocas graníticas de grandes dimensións, coroado por unha delas que se mantén pola súa base.

Os historiadores relacionan o lugar cun asentamento do período do Paleolítico, polos achados dos restos atopados nas súas cercanías, e cren que a Pena dos Namorados puido ser un monumento máxico-relixioso polos primeiros poboadores destas terras. Durante a limpeza, rehabilitación e acondicionamento levadas a cabo en 1996 pola Escola Taller Terras do Arenteiro apareceron restos dunha antiga ermita.

A configuración e a situación deste conxunto pétreo confírenlle un certo encanto a este lugar, xerándose ao longo da historia un sinfín de lendas relacionadas con tesouros e amoríos. E de aí o nome, que non se sabe con certeza a súa orixe e significado.

"Ver para creer" afirma o Partido Popular

"A Concelleira ven a estas alturas coa leria de que se mellorará a Pena dos Namorados logo de varios anos sen que se intervira nela, deixando caer que o anterior Goberno Municipal non fixera nada", manifestan dende o Partido Popular.

Recordanlle "á concelleira desmemorizada, que este lugar foi salvado ante o xulgado do mercantil de ser devolto aos seus anteriores donos e que por causa da INCAPACIDADE de Varios gobernos socialistas, costoulle a todos os veciños preto de 700.000€ que aínda se están pagando".

Engaden dende o Partido Popular que "a eso nos dedicamos no derradeiro mandato e durante os 4 anos e, por eso, nos parece unha desfachatez que diga o que dí".

"Foron anos nos que tanto a Pena dos Namorados, e a fábrica de papel correron grave risco de deixar de ser propiedade pública.
ou  acaso, nos esquezemos dos carteis de (se vende) colocados polos anteriores donos", remarcan os populares.

Finalmente, manifestan a súa satisfación dende o Partido Popular polo proxecto "se pense intervir nela pois agora si, e non antes se podía facer. E mais, incluso cando actuóu ali un obradoiro de Emprego, tampouco se podería ter feito, pois non estaba acreditada a titularidade tal como dixo o xulgado do mercantil"