O Concello traballa en 20 días de programación: A 63ª Festa do Pulpo do Carballiño estará adicada á súa vila irmá en Italia, Noventa Padovana

10, Xuño 2025

A Festa do Pulpo de Carballiño quenta motores para a súa 63ª edición, a terceira co recoñecemento de Interese Turístico Internacional. Nesta ocasión, a celebración estará adicada a Noventa Padovana, a vila italiana irmandada co Carballiño desde o ano pasado.

Esta localidade, de pouco máis de 10.000 habitantes, organiza unha festa anual arredor do cefalópodo, a Fiera del Folpo, na que tamén hai degustacións, concertos, actividades culturais e gastronómicas. Tras a visita da representación italiana á Festa do Pulpo de 2024, e a posterior viaxe da representación do Carballiño á feira de Noventa Padovana, a vila do Arenteiro rende homenaxe nesta nova edición á súa localidade irmá.

Trátase dunha aposta do goberno local por afianzar os lazos de colaboración e impulsar a proxección internacional do Carballiño. A Festa do Pulpo de Carballiño é a romería gastronómica máis concorrida de Galicia, e a segunda máis antiga despois da Festa da Lamprea de Arbo. Ademais, pode presumir de ser, xunto coa Festa do Cocido de Lalín, a única cita gastronómica co recoñecemento de Interese Turístico Internacional.

A organización da Festa do Pulpo amplía este ano a habitual programación dunha semana ata casi 20 días, nos que a poboación desfrutará de concertos e actividades culturais e gastronómicas, ademais de citas xa míticas como a elaboración da tapa máis grande do mundo ou o concurso de camisetas das peñas. Presentación en Madrid A Casa de Galicia en Madrid acollerá este xoves a presentación oficial da 63ª edición da Festa do Pulpo, un evento no que non faltará a degustación do cefalópodo.

A representación do goberno local, de feito, viaxará á capital española acompañada dunha pulpeira do Carballiño, que prepará o tradicional pulpo á feira na Casa de Galicia. O goberno carballiñés estará acompañado dunha representación institucional de Noventa Padovana, co seu alcalde ao fronte. A presentación é ás 12,00 horas.