O Conselleiro de Cultura comproba os traballos de rehabilitación no mosteiro de Oseira

22, Agosto 2012

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Mosteiro de Santa María A Real de Oseira, co obxectivo de comprobar os traballos de rehabilitación , nos que a Consellería investiu máis de 189.000 euros.

Estas obras son a terceira fase das que vén promovendo a Consellería de Cultura co obxecto de renovar o tellado do Claustro dos Cabaleiros do mosteiro, dando continuidade ás que anteriormente xa se executou nas alas sur e oeste. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia ten investido máis de 590.000 euros nestas tres fases. O obxectivo é mellorar o estado de conservación deste espazo singular do cenobio para que a comunidade cisterciense poida recuperalo no seu día para un uso acaído.

Acompañado por membros da comunidade cisterciense do mosteiro, e os representates da Xunta na provincia,  Vázquez Abad percorreu os espazos obxecto da mellora. Durante a súa visita, o conselleiro salientou o esforzo que este tipo de traballos supoñen no actual contexto económico, “e que dá conta do compromiso do actual Goberno galego coa conservación do noso patrimonio cultural”.

Tal e como explicou o conselleiro, “estes traballos permitiron deixar nas mellores condicións un dos principais espazos do mosteiro, o Claustro dos Cabaleiros, porta de chegada desde o século XVIII para todos quen chegaban en cabalería”. Situado tras a fachada principal, o claustro presenta unha mesurada composición de arcos de medio punto e fiestras rectas. Na súa planta baixa, ao redor do patio, dispoñíanse as cortes para os cabalos. Este espazo comunícase, ademais con tres salas abovedadas do século XIII que constitúen os únicos restos do mosteiro medieval.

A súa ala norte, obxecto das obras hoxe visitadas polo conselleiro de Cultura e Educación, acolle a zona de entrada ao Mosteiro, con tres plantas, nas que na baixa se atopan os espazos de recepción e salas de visitas. Nas superiores, sen uso na actualidade, situábanse os aposentos do abade e as salas representativas, e na de máis arriba atopábanse os antigos dormitorios dos monxes.

Coas obras de conservación das cubertas da ala norte do Claustro dos Cabaleiros realizáronse, ademais, traballos de reposición dos aleiros da fachada sur da igrexa románica do século XIII, un dos referentes da arte do Císter na Península Ibérica.