O conselleiro de Medio Ambiente supervisa as melloras feitas no parque natural de Pena Corneira

15, Abril 2013

As actuacións feitas supuxeron un investimento de 64.000 euros que o goberno galego financia nun convenio coa Obra Social de "La Caixa".

O conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, acompañado polo alcalde de Leiro, Francisco Fernández,  visitou as inmediacións de do monumento natural de Pena Corneira, onde se están a executar unha serie de actuacións para mellorar os hábitats naturais e a prevención de incendios, así como o acondicionamento de rutas.

A finalidade é lograr uns sistemas ecoloxicamente máis valiosos e estables no territorio da comunidade autónoma galega. Así, en Pena Corneira se repara e conserva o mobiliario existente mediante a reposición de pezas e táboas rotas ou defectuosas, lixa e aplica lasur (imprimación protectora) sobre elementos de madeira, repara o peitoril do Miradoiro coa reposición de barrotes e os chanzos de acceso ao miradoiro, coloca e repara os indicadores de dirección e orientación e paneis informativos.

Outros dos traballos previstos consisten no acondicionamento de estanques na explanada de acceso á área de lecer: limpeza, baleirado e colocación de muro perimetral de protección con cachotes de pedra granito das canteiras da zona e a mellora e saneo da explanada, mediante a colocación de tubaxe de drenaxe de recollida de augas subterráneas que anegan a zona na época de chuvias.