O Conselleiro de Medio Rural resalta a posta en produción do porco silleiro na aldea modelo do Penedo de Xuvencos

6, Febreiro 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a aldea modelo de Penedo, no concello de Boborás, na que resalta xa a posta en produción de gando, concretamente de porco silleiro en extensivo. Esta aldea modelo conta cunha superficie de 23,41 hectáreas distribuídas en 665 parcelas de 131 propietarios.

O conselleiro, que estivo acompañado pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destacou a recuperación da raza do porco silleiro en extensivo, así como a produción prevista da alimentación necesaria nas terras de cultivo, mediante cereais e plantas autóctonas, poñendo en práctica a economía circular. Ademais, os terreos serán de produción ecolóxica.

Para levar a cabo o aproveitamento gandeiro e a recuperación das terras da aldea, dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural executáronse as obras e instalacións precisas. Así, realizáronse os peches (tres tipos distintos perimetrais e interiores que permiten a xestión do gando nas parcelas), infraestruturas gandeiras (refuxio, cría e lazareto), instalacións de enerxía (pastor eléctrico) e sinalización precisa.

O orzamento total investido nestas obras e instalacións aproximouse aos 82.700 euros, sendo a partida máis importante a destinada aos peches e cerramentos, con arredor de seis quilómetros lineais. Así, realizáronse as instalacións de refuxio e cría executadas en madeira para a integración na contorna da aldea.