O CPI Terras de Maside, elexido pola Xunta para desenvolver o programa "Impulso Mentor" de axuda á etnia xitana

19, Abril 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar a resolución do programa Impulso Mentor, unha iniciativa posta en marcha este curso pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano, para a prevención do abandono escolar focalizada no alumnado de etnia xitana.

Analizadas as solicitudes, son dez os centros repartidos por toda a xeografía galega, entre eles o CPI Terras de Maside, seleccionados para desenvolver este proxecto, coa participación de máis de 370 alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da Educación Secundaria Obrigatoria.

Ao abeiro de Impulso Mentor, os centros desenvolven tres tipos de iniciativas: mentorías, sesións grupais e clases de reforzo fóra do horario lectivo. No caso das mentorías, cada centro selecciona entre tres e cinco alumnos para participar nun proceso de asesoramento e acompañamento en sesións individuais.

No caso das sesións grupais, trátase de charlas de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural. Finalmente, o reforzo das competencias clave fóra do horario lectivo desenvólvese a través de titorías personalizadas e sesións de apoio educativo cunha duración de dúas horas semanais.

O programa Impulso Mentor, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, ten como obxectivo motivar e acompañar ao alumnado desta etnia, evitando que abandone o sistema educativo. Para iso, preséntanselles referentes que melloran a súa confianza en si mesmos e que lles amosan as diferentes posibilidades de desenvolvemento académico e persoal.