O enoturismo do Ribeiro, liña estratéxica da Deputación para o ano 2020

18, Decembro 2019

"Seguir potenciando o viño do Ribeiro e a súa comarca desde o ámbito turístico, económico e cultural é unha das liñas estratéxicas da Deputación de Ourense". Así o valorou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo no Pazo Provincial con Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a quen lle confirmou o apoio da institución provincial para o ano 2020 no que atinxe aos ámbitos de actuación tanto do CRDO como da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e da "Ruta do Viño do Ribeiro", para colaborar no funcionamento destas entidades que traballan pola excelencia na calidade dos viños do Ribeiro e na promoción e difusión da cultura enolóxica e do seu turismo nesta comarca ourensá.

Baltar lembrou a cooperación que a Deputación de Ourense vén mantendo a prol da promoción do Ribeiro, que ao longo deste ano materializouse, entre outros, co apoio ás actividades da "Ruta do Viño do Ribeiro", unha iniciativa que reuniu por primeira vez a catro entidades -Deputación, Consello Regulador, Ruta do Viño e Xeodestino O Ribeiro-Carballiño-, que colaboraron conxuntamente para potenciar o territorio do Ribeiro. O presidente destacou o potencial que para o Ribeiro teñen as estratexias encamiñadas a promover o enoturismo, salientando especialmente "o que vai supoñer a chegada da alta velocidade a Ourense e en vésperas do Xacobeo 2021".

"Trátase dunha aposta decidida polo Ribeiro para seguir revitalizando unha comarca vitivinícola histórica e impulsala como destino enoturístico", expresou Baltar, quen puxo o acento "nos valores diferenciais" desta comarca, personalizados na súa paisaxe, recursos arquitectónicos e culturais, e o termalismo, tendo o viño do Ribeiro como elemento que canaliza a promoción deste territorio".