O grupo municipal socialista denuncia o peche da aula de espera do colexio de Punxín e pide solucións inmediatas ao goberno do concello

11, Xaneiro 2022

O PSdeG-PSOE de Punxín levará ao vindeiro pleno municipal o peche da aula de espera do colexio do municipio. As socialistas instan ao goberno local a realizar tódalas xestións pertinentes para a “inmediata” posta en funcionamento da aula de espera do centro, así como garantir que tanto o que resta deste curso, como o próximo curso 2022-2023 se dispoña deste servizo. Denuncian que o peche da aula de espera está causando un “grave prexuízo” ás familias que facían uso dela, ben de forma permanente ou con carácter temporal.

Para o Grupo Municipal Socialista de Punxín “é inadmisible” que se proceda o peche deste servizo, “sen previo aviso”, tanto ás familias como ao persoal do centro de ensinanza, e unha vez que o Concello renunciou a unha subvención da Deputación Provincial de Ourense para manter operativo o mesmo. Consideran que esta decisión “se tomou de forma repentina e sen analizar as consecuencias que isto suporá tanto para os nenos e nenas de Punxín, como para os pais e nais, que se ven prexudicados pola falta de conciliación dun servizo que permitía ata hai pouco que puidesen deixar os cativos no colexio antes da hora de inicio da xornada lectiva”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, salienta que “pediremos explicacións polo peche da aula de espera e tamén queremos que o goberno municipal nos aclare cal foi o motivo polo que renunciaron a unha subvención da Deputación para dar cobertura a este servizo que agora se procede a non prestar”. Tal e como indica a edil socialista “o 26 de marzo de 2021 aprobouse unha subvención nominativa para o noso Concello por importe de 7.110 euros para o servizo de conciliación familiar - aulas de espera, pero posteriormente o alcalde de Punxín solicitou o cambio de finalidade de dita subvención para a realización do peche da área termal do Bañiño”.

Para Peleteiro está actuación supón que “unha vez máis o grupo de goberno do Partido Popular e o concelleiro non adscrito realizan unha pésima xestión dos recursos e conseguen o peche doutro servizo no noso municipio”. Tal e como relata este peche “pon en risco a continuidade da propia escola, algo que as socialistas non imos a consentir”. Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista de Punxín esixen “solucións inmediatas” e a “reposición con carácter de urxencia de dito servizo”.