O IES Chamoso Lamas, seleccionado para participar en tres proxectos de innovación educativa

3, Decembro 2014

Tres proxectos de innovación educativa presentados polos docentes do IES Chamoso Lamas foron seleccionados pola Consellería de Educación para este curso 2014-2015 (Plan Proxecta). Un ano máis os alumnos do centro poderán mellorar a súa condición física e realizar prácticas deportivas saudables a través do programa Xogade, desenvolvido polo Departamento de Educación Física  coa colaboración de varios profesores do centro.

Outro grupo de alumnos, neste caso de 3º de ESO participarán no programa Fotografía en Curso, co título “Dándolle vida aos instantes” coa finalidade de achegarse á técnica e linguaxe fotográfica a través de prácticas cos docentes e un taller cun fotógrafo profesional, en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe.  O traballo que realizaron os alumnos que cursaban 4º de ESO o ano pasado “Na procura da nosa memoria: fotos no tempo” foi premiado como modelo de innovación pola Consellería de Educación e neste momento está exposto na Casa da Cultura de Pontedeume, e poderá ser visto en decembro na Casa do Concello de Piñor, xa que foi escollido para participar no Outono fotográfico. Ao mesmo tempo forma parte dunha exposición colectiva en Barcelona, “Retratos de mayores”, con outros dous centros galegos e cataláns. Ao igual que no curso pasado o IES M. Chamoso Lamas foi o único centro da provincia de Ourense escollido pola Consellería para participar neste programa, no cal foron seleccionados sete proxectos en toda Galicia.

Como novidade con respecto ao curso pasado o centro tamén foi seleccionado para participar no programa Meteoescolas, dirixido a promover o coñecemento do clima no entorno no que se atopa o instituto. Os componentes deste proxecto pretenden manter o espírito co que a estación meteorológica do noso centro foi creada fai 30 anos: a recollida de datos e a utilización dos mesmos e dos conceptos meteorolóxicos como material interdisciplinar. O título deste proxecto e “A estación meteorológica do IES M. Chamoso Lamas: algo máis que un xerador de datos. Un laboratorio para o coñecemento do medio”