O Mago Teto, Os Monicreques de Kukas e Xoán Curiel e a Banda do Verán, na oferta da concellería de cultura para esta fin de semana carballiñesa

1, Agosto 2020

A concellería de cultura do concello do Carballiño continúa avanzando no seu programa de verán, con distintas propostas para todos os públicos, desta maneira e para esta primeira fin de semana de Agosto temos maxia, teatro de títeres e un espectáculo de música infantil, todos eles no anfiteatro da Praza da Veracruz.

O sábado dia 1 de Agosto, ás 19:00 horas, podemos gozar dun dos magos máis veteranos e relevantes de Galicia como é o Mago Teto, que nos trae a O Carballiño o seu último espectáculo "Alquimia".

O domingo 2 de Agosto, ás 11:30 horas "O encoro enmeigado" (nas fragas do Eume) un espectáculo de monicreques a cargo da compañía Os monicreques de Kukas: Marcelino de Santiago, Miguel Cabaleiro e Isabel Rey. O espectáculo O encoro enmeigado (nas fragas do Eume) ten a intención de espertar entre os espectadores, sobre todo os máis novos, o respecto polo medio ambiente, a valoración da natureza e o compromiso co coidado da nosa contorna e a fauna que vive nel e dunha maneira moi especial coa conservación dos nosos ríos e bosques. E ao mesmo tempo recuperar e poñer en valor aos personaxes míticos da nosa cultura popular que van servirnos a nivel narrativo de ligazón entre o mundo dos humanos e o dos animais e as plantas.

E xa finalmente, tamén este mesmo domingo, ás 19:00 horas, Xoán Curiel e a Banda do Verán presentan un novo musical, A casa do terror. É un espectáculo moi rockeiro e terrorificamente divertido que se desenvolve entre cancións, danzas, elementos teatrais ou de clown e, sobre todo, moita participación do público asistente. A pespectiva do terror é abordada neste espectáculo dun xeito divertido e lévase a cabo a través de personaxes como as pulgas sombies, o lobo lover, ratatiburóns, gativampiros, o monstro da lavadora, a pantasma con asma, e un longo etc. Elenco: Xoán Curiel: Guitarra eléctrica, guitarra española e voz, Jara Ortiz: Voz, Carlos Freire: Batería, Alex Salgueiro: Teclado e programacións, Antón Fernández: Baixo, Marta Alonso: Danza e voz.