O novo modelo de financiamento da Deputación reserva case 51.000 euros á Entidade Local Menor de Berán

8, Novembro 2023

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Entidade Local Menor de Berán, Avelino Carballal, acompañado polos vogais Tomás Lorenzo Fariña e José Aquilino Álvarez, no marco dos contactos que o titular do Goberno provincial ven mantendo cos representantes das entidades locais ourensáns.

No encontro, Luis Menor informou ao presidente de Berán dos detalles do novo modelo de financiamento da Deputación, o Plan CooperOU, que reserva preto de 51.000 euros para a única entidade local menor existente na provincia, seguindo así os criterios homoxéneos previstos neste plan para todos os concellos: unha parte fixa segundo o número de habitantes, e outra variable en función da poboación, núcleos, envellecemento e superficie.

As entidades locais menores teñen, desde o punto de vista legal, un ámbito territorial inferior ao dos concellos, dispoñen de personalidade xurídica propia e teñen competencias na xestión dos seus bens e servizos e execución de obras.

Berán, cuxo territorio está incluído no concello de Leiro, ten como representantes, ademais do presidente, a dous vogais, celebrando os seus plenos cada dous meses.