O Observatorio Económico contabiliza a 114 empresas na cadea de produción das bebidas alcohólicas na comarca do Ribeiro

20, Febreiro 2015

O Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense constata a fortaleza que ten o sector da alimentación e bebidas no Ribeiro, onde xera dous de cada tres empregos industriais. En concreto, impulsa 476 dos 776 empregos industriais existentes no conxunto da comarca -o 61,3% do total-, tal e como detallou esta mañá o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, na presentación das conclusións da maior base da datos provincial, comarcal e municipal nun acto desenvolvido no Concello de Ribadavia.

Á cita asistiron alcaldes, técnicos de emprego, empresarios e axentes sociais da comarca. Na súa intervención, o xerente do INORDE incidiu nas liñas estratéxicas coas que a Deputación de Ourense rendibilizará en beneficio da provincia o no novo período de financiamento europeo. Os catro grandes eixos de actuación son os proxectos “Ourense Provincia Intelixente”, “Ourense Termal” e “Competitividade Ourense”, e a nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente.

José Manuel Rodríguez resaltou o potencial económico do Ribeiro e anticipou as aportacións que ten ao seu alcance a comarca dentro de cada unha das liñas estratéxicas. Asimesmo, animou aos concellos e a todos os colectivos á suma de propostas para impulsar novos proxectos dentro do Marco Estratéxico Común (MEC) 2014-2020.

                Rexeneración laboral

 Na presentación das conclusións comarcais do Observatorio Económico Ourensán deuse a coñecer que O Ribeiro foi en 2014 a segunda comarca ourensá con mellor comportamento do paro rexistrado, ao baixar un 11,7% en taxa interanual, só por detrás da Baixa Limia (-12,4%). En sete concellos houbo descensos a dobre díxito e en tres a baixada mesmo se moveu por enriba do 20%: Cenlle, Arnoia e Leiro. Pola súa banda, a cabeceira da comarca -Ribadavia- logrou unha redución do 7,3%.

 No tocante ás afiliacións, o xerente do INORDE argumentou que “medraron na maioría dos meses de 2014, pero finalmente pecharon o exercicio cun lixeiro debilitamento do 1,3%. O municipio de Ribadavia consolida a cifra de 1.600 postos de traballo, mentres que Leiro e Castrelo de Miño conseguiron xerar o ano pasado máis dun 3% de novos empregos”, salientou.

 Ademais, destacou que a industria rexistrou unha importante recuperación de emprego. No ano e medio analizado polo Observatorio -comparativa entre marzo de 2013 e setembro de 2014-, as afiliacións no sector industrial creceron un 14,1%, e no caso concreto da rama da alimentación e bebidas o crecemento disparouse ata o 40,4%, o que da conta da fortaleza da agroalimentación, e particularmente do sector vitivinícola, na comarca do Ribeiro. O Observatorio identifica 114 empresas na cadea de produción das bebidas alcohólicas, cifra que representa o 39,3% de todas as existentes na provincia.

 Finalmente, no acto de hoxe trascendeu que a rexeneración laboral tamén se extendeu nesta comarca ao sector servizos e ás actividades tecnolóxicas. As comparativas entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014 -últimos datos dispoñibles- mostran un crecemento do 8,9% no emprego do sector servizos e do 15,2% nos sectores tecnolóxicos.