O Partido Popular anuncia que Nacho Campo será o seu candidato á alcaldia do concello de Maside

8, Febreiro 2023

Nacho Campo encabezará a lista do PPdeOU en Maside nas vindeiras eleccións municipais. O presidente provincial, Manuel Baltar, reuniuse co novo cabeza de lista para perfilar os detalles da candidatura, definindo a Campo como “a persoa perfecta para liderar o futuro de Maside”.

Nacho Campo (1997) estudou o grao de Dereito na Universidade de Vigo e é na actualidade o presidente provincial de Novas Xeracións. “É unha persoa nova, formada e comprometida co proxecto do Partido Popular de Ourense”, valora Manuel Baltar. “E sobre todo Campo é unha persoa moi vencellada a Maside, o seu pobo, cun sobresaínte coñecemento do territorio e con capacidade e ilusión dabondo para tecer novos proxectos transformadores”.

Manuel Baltar resume a candidatura de Nacho Campo como “unha excelente nova para o PPdeOU e unha excelente nova para os veciños de Maside”.

Pola súa banda, Nacho Campo destaca que “o Partido Popular de Ourense demostra unha vez máis, con feitos, a súa aposta pola xuventude”. O candidato popular tamén avanza que “asumo esta responsabilidade dende a humildade, pero creo que coñecendo as necesidades demandadas polos veciños e veciñas do noso concello. Maside necesita un cambio e eu intentarei ser a persoa que o impulse xunto ao meu equipo”.