O Partido Popular considera que o cartel da festa da cervexa é sexista e pide que se valore a súa idoneidade

2, Xullo 2009

O cartel anunciador da "2ª festa da cervexa", no que aparece a fotografia dunha modelo, levou a concelleira do Partido Popular do Concello do Carballiño, Pilar Caride, a "instar o servizo de igualdade do Concello a que valore a idoneidade do cartel debido as súas connotacións sexistas, que non teñen en conta as políticas de igualdade promovidas polas distintas institucións". Esta segunda edición da festa da cervexa celebraráse do 9 ó 12 de xullo na praza maior, organizada por un grupo de hosteleiros da zona centro, coa colaboración do Concello do Carballiño, como figura no cartel anunciador. O Concelleiro de turismo, Manolo Dacal presentou este evento como unha iniciativa máis para dinamizar o verán carballiñes. Ademáis da venda de cervexa de varias marcas e degustación de comida mexicana, polbo á feira, salchichas ou morunos, tamén haberá actuacións musicais e de animación, un trio de mariachis, charangas, un home orquestra e o humorista Xosé Manuel Campos. Seis establecementos hosteleiros do entorno da Praza Maior sumaronse a esta inciativa.