O Partido Popular lamenta "as descalificacións persoais" e "falta de respecto" do pleno extraordinario sobre o transfuguismo

20, Xuño 2025

Dende o Partido Popular, expresan "o rexeitamento rotundo a calquera falta de respecto producida no pleno de onte. As sesións plenarias deben ser un espazo para o debate democrático e a confrontación de ideas, pero sempre dentro dos límites do respecto e da convivencia institucional."

Fan referencia a este último pleno covocado por Espazo Común sobre o transfuguismo "comportamentos baseados en descalificacións persoais, interrupcións constantes ou actitudes ofensivas non teñen cabida nesta corporación. A cidadanía que nos elixiu merece un exemplo de responsabilidade, educación e compromiso co ben común".

Os populares do grupo municipal no concello carballiñés apelan "ao sentido institucional de todos os membros desta corporación para que se retome un clima de diálogo construtivo e de respecto mutuo. Non se pode defender ningunha posición política a través da falta de respecto".

Finalmente, manifestan que "noso compromiso é claro, seguiremos traballando por un pleno onde as ideas se debatan con firmeza, si, pero tamén con educación, respecto e altura
democrática".