O presidente do Goberno galego mantivo un encontro con representantes do Grupo Samca, que promove o proxecto da mina de litio de Doade, no concello de Beariz

14, Abril 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro con Javier Luengo, presidente do Grupo Samca, e outros responsables da empresa que promove o proxecto da mina de litio de Doade en Beariz , aos que lles trasladou a aposta da Xunta por aproveitar o potencial do subsolo galego para reforzar a cadea de valor europea das materias primas estratéxicas. Deste xeito, Galicia pode ser un territorio clave dentro da aposta da Unión Europea polo aproveitamento dos recursos críticos que están presentes no continente.

Rueda, que estivo acompañado polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, salientou o potencial da minería para impulsar o crecemento económico en Galicia, a creación de emprego e a transición verde e dixital en toda Europa. Pola súa banda, Luengo recalcou a aposta da empresa por este proxecto e o valor compartido e impacto social positivo nos lugares nos que desenvolve a súa actividade.

A Mina Doade foi seleccionada recentemente pola Comisión Europea como un dos 47 proxectos estratéxicos para asegurar e diversificar o acceso ás materias primas en todo o continente. Esta declaración supón maior axilidade na tramitación e a posibilidade de acceder a financiamento comunitario. Con todo, o respecto á lexislación e á contorna está garantido, pois o proxecto deberá superar a esixente tramitación ambiental autonómica, reforzada polos compoñentes sociais que se analizarán de acordo coa nova Lei de recursos naturais de Galicia.

A aposta da Xunta polos recursos mineiros apóiase na Axenda de impulso da Minaría Sostible de Galicia, que busca converter o sector no aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industriais. Galicia é líder en produción de pedra natural en España (tanto en lousa como en granito), e ten recursos para situarse como territorio estratéxico á hora de cubrir as necesidades de materias primas críticas de Europa, impulsar a reindustrialización e diminuír a dependencia do exterior.