O PSdeG afirma que a Valedora do Pobo dálle a razón sobre a "demora, opacidade e dificultades" postas polo alcalde de Leiro para dar información

5, Abril 2023

O PSdeG-PSOE de Leiro informa que a Valedora do Pobo da a razón aos e ás socialistas en relación ao expediente de queixa aberto pola denuncia presentada o 14 de decembro de 2021 debido a “demora, opacidade e dificultades” postas polo alcalde do municipio, Francisco José Fernández, a hora de facilitar o acceso a expedientes, datos e información solicitados polo PSdeG do municipio para a fiscalización da súa xestión.

Tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista de Leiro, nas análises realizados pola Valedora do Pobo “ponse de manifesto o claro incumprimento dos artigos 77 da Lei 7/1985 de Bases Reguladoras de Réxime Local, do 14 Real Decreto de Organización e Funcionamento e Réxime Xurídico de las Entidades Locais e do 226 da Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia”. Dende o PSOE de Leiro subliñan que en todo este articulado “recóllese o dereito dos membros da corporación local ao acceso a antecedentes, expedientes, datos e información no concello para desenvolver a súa función de control e fiscalización da xestión municipal, nun período de cinco días naturais, algo que non se cumpre no concello de Leiro”.

Cabe destacar que esta información da Valedora do Pobo súmase ás do Consello de Contas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, sendo xa tres as institucións públicas ás que o PSdeG-PSOE tivo que recorrer, con éxito, para obrigar ao alcalde de Leiro e presidente da mancomunidade do Ribeiro para que “entenda que as súas mentiras e manipulacións na súa xestión, non son suficientes para ocultar as súas irregularidades”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, lémbralle ao rexedor do Partido Popular que “mentir e manipular para ocultar a realidade da mancomunidade do Ribeiro ou das obras de remodelación do campo de fútbol, entre outras cuestións, só lle serviu para que as contas da mancomunidade sexan fiscalizadas polo Consello de Contas e que a CHMS sancionara ao concello por incumprimentos na normativa vixente polas obras do campo de fútbol”.

Rodríguez Vázquez apunta a que máis do 50% do orzamento da mancomunidade “é financiado con recursos públicos da Xunta de Galicia” e sinala que “dos 65.000 euros da obra do campo de fútbol, 60.000 son aportados pola propia Xunta”. Neste senso destaca tamén que “o coste derivado da obrigación de mover a grada do campo de fútbol de Leiro por orde da CHMS, ao non cumprir cos requisitos preestablecidos, será tamén financiado con cartos públicos da Deputación de Ourense, concretamente con 42.000 €”.

Os e as socialistas de Leiro consideran que Francisco José Fernández “está obrigado a dar explicacións a veciñanza, aos que el mesmo, en cumprimento da lei de patrimonio, do plan urbanístico de Leiro ou das zonas inundables da CHMS lles nega a execución de obras en proxectos nas súas propiedades, namentres o alcalde incumpre a lei de transparencia ou de zonas inundables, entres outras moitas cuestións”.