O PSdeG estuda accións xudiciais contra o alcalde de Punxín "pola súa inaccíon para para favorecer irregularidades urbanísticas de persoas con afinidade política"

21, Setembro 2022

O PSdeG-PSOE de Punxín estuda a posibilidade de emprender accións xudiciais e pór en coñecemento da xustiza a actuación do alcalde do municipio, Manuel Vázquez Fernández, en materia urbanística. As e os socialistas denuncian que o “silencio” e a “inacción” do rexedor poderían estar incorrendo no incumprimento dos deberes esixidos pola normativa urbanística e o procedemento administrativo co único obxectivo de beneficiar a persoas afíns ao Partido Popular.

As concelleiras do Grupo Municipal Socialista de Punxín subliñan que esta decisión chega tras os “numerosos incumprimentos” do alcalde en materia urbanística e apuntan a que se “poden estar vulnerando os deberes esixidos pola normativa urbanística para beneficiar a persoas afíns as súas cores políticas”. Neste senso, as edís socialistas tamén explican que “parece que en Punxín hai veciños de primeira e de segunda e parecen que os de primeira teñen máis dereitos que o resto da veciñanza do municipio, só por pertencer a unhas cores políticas”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que “fai pouco tempo, observamos como o propio alcalde incumpría a normativa urbanística cunha reforma nunha das súas propiedades, sen asumir responsabilidade algunha por elo”. A edil socialista tamén destaca que “agora tivemos constancia que afíns ao Partido Popular están seguindo o mesmo modus operandi do alcalde, aproveitando o seu silencio cómplice e o incumprimento dos seus deberes en materia urbanística, namentres este mira para outro lado para evitar tomar medidas ao respecto”.

Peleteiro Vázquez pon o foco en que esta forma de actuar “é impropia dun goberno democrático e vén a demostrar que coas eleccións municipais no horizonte, o alcalde trata de beneficiar os seus acólitos co único obxectivo de tratar de manterse na cadeira de mando e rascar uns votiños para apuntalar o seu poder”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín explican que ante esta situación, os e as socialistas “non podemos seguir mirando cara outro lado, cando dende o equipo de goberno municipal se trata de forma diferente aos veciños e veciñas votantes e militantes do Partido Popular, que ao resto da veciñanza”. Tamén manifestan que “é inconcibible que o alcalde se salte a normativa e as obrigas do seu cargo para favorecer a certos veciños e veciñas en detrimento do resto”.