O PSdeG-PSOE reclama á Deputación e Xunta a mellora dos servizos da dependencia e a creación de equipos de intervención psicosocial en todos os concellos.

22, Febreiro 2023

O PSdeG-PSOE reclamará á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense a mellora dos servizos e equipos de dependencia, así como dos equipos sociais que traballan nos municipios da provincia. Mediante unha iniciativa que se debaterá no pleno de febreiro da institución provincial, os e as socialistas esixen “incrementar os equipos de valoración, así como os equipos dos servizos sociais comunitarios, permitindo incrementar o número de solicitudes ás axudas para a dependencia”, xa que, segundo denuncian, Galicia é a comunidade autónoma que menor número de solicitudes rexistra.

Tamén piden á Deputación que “financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, para atender as demandas e necesidades psicolóxicas e sociais da poboación de máis idade”. Desde PSOE veñen denunciando que o PP está a “facer caixa” cun servizo básico tan sensible como a dependencia, xa que “Galicia é unha das autonomías que máis fondos recibe do Estado neste ámbito, pero a que menos inviste”. A “pésima xestión” e os “tesoirazos” nos orzamentos están a provocar “importates deficiencias”, xa que as persoas teñen que agardar unha media de 365 días para resolver a súa solicitude, duplicando o prazo marcado pola lexislación, “a pesar de que a Xunta ten agochadas preto de 10.000 solicitudes que non figuran nos rexistros oficiais”, matizan.

Desde o grupo provincial resaltan que esta situación resulta “máis grave e preocupante” no caso de Ourense en relación ao resto de provincias, xa que “temos unha poboación con maior índice de envellecemento e, polo tanto, maior porcentaxe de persoas dependentes ou con necesidades especiais neste ámbito”. “O proceder do PP supón unha falta de dilixencia e de sensibilidade coa veciñanza de maior vulnerabilidade”, denuncian, polo que “se eles non o fan, seremos nós quen trataremos de emendar o problema”. “No Partido Popular deben abrir os ollos ante á presión duns datos preocupantes” e aceptar que “urxe” incrementar o persoal dos equipos de valoración, porque “a xente segue a esperar por dereitos que teñen recoñecidos, pero que non se poden facer efectivos pola inoperancia e a desidia das administracións xestiondas polos conservadores”, aseveran.

Equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios

O grupo do PSdeG-PSOE tamén reclamará á deputación que apoie aos concellos na prestación dos servizos sociais, xa que, como concello de concellos, é a administración pública ourensá con maior capacidade económica e de xestión, fronte a outras entidades locais “esquilmadas de recursos”. Por iso reclamarán ao pleno que o goberno provincial de Manuel Baltar financie, ou alomenos cofinancie, a constitución de equipos multidisciplinares de intervención psicosocial nos municipios de menos de 20.000 habitantes. É dicir: todos menos a capital. “Desde hai tempo estamos a observar unha deterioración na calidade da atención e na dotación de recursos que dificultan o benestar das persoas e das súas familias tamén neste ámbito”, resaltan, xa que os cocientes de profesionais por usuario ou usuaria son insuficientes, o que impide ofrecer unha atención individualizada de calidade. “A complexidade das necesidades destas persoas esixe unha formación específica e cualificada no ámbito asistencial”, aseguran os e as socialistas da institución provincial antes de concluír reclamando que “o respecto á súa dignidade, autonomía e intimidade debe ser unha prioridade administrativa” e iso pasa por ofrecer “desde a Xunta e a Deputación de Ourense os medios suficientes”.